sábado. 05.10.2024

O CDR O Viso trasladouse esta semana ata Codos, na provincia de Zaragoza, para participar nun encontro sobre o proxecto Biocoidados. Representantes dos centros de desenvolvemento rural de España déronse cita para falar dos avances desta iniciativa en cada un dos territorios postos en marcha.

No encontro celebrado en Aragón, uns 80 participantes puxeron en común as súas experiencias propias. Ademais, proxectáronse vídeos con testemuñas de persoas que forman parte de Biocoidados e organizáronse obradoiros diversos temas vinculados co programa.

O programa "Biocoidados: Novos modelos de coidados prestados á comunidade, centrados nas persoas, en contornas rurais" busca previr a institucionalización das persoas, cunha reforma dos servizos sociais. O proxecto fará un seguimento de 60 persoas, de distintos perfís, para detectar os riscos de institucionalización e poder evitala.

 

A primeira fase de Biocoidados xa rematou e, dende hai uns meses, o CDR O Viso atópase na segunda. Nela, os profesionais implicados comezaron a desenvolver accións directamente coas persoas, antes de chegar á derradeira parte do programa, no que avaliarán os resultados acadados. Nisto, contarán co apoio da Universidade de Vigo e agardan ter listas as avaliacións para xullo do vindeiro ano.

O Ministerio recompilará os datos obtidos para decidir que pasos seguir á hora de lexislar cun enfoque de atención integral e centrada na persoa. O modelo centrarase en dous dous obxectivos: desinstitucionalizar a atención na medida do posible e adaptala ás condicións do rural. O acompañamento continuará durante todo o 2024.

NOTICIAS A LIMIA | O CDR O Viso participa nun encontro de Biocoidados en Aragón