O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia dá un paso importante na dinamización económica da comarca coa súa incorporación á rede de "Ficar aquí. O portal de emprego e oportunidades do rural galego". A través dun acordo de colaboración, o GDR10 Limia-Arnoia integrará nun mesmo espazo web as ofertas de emprego e outras oportunidades laborais dos 25 concellos de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova.
"Ficar aquí" nace co obxectivo de conectar ás empresas do rural que buscan persoal con aquelas persoas que apostan por vivir e traballar nestes territorios. Tamén se dirixe a emprendedores/as que buscan socios/as para desenvolver novas iniciativas. O novo portal, accesible nesta web, permitirá ao GDR Limia-Arnoia desenvolver un traballo conxunto de detección e difusión de oportunidades creando un punto de encontro virtual que favoreza a creación de sinerxías e a loita contra o despoboamento.
A iniciativa "Ficar aquí" foi impulsada por ENXERTA [RE]ACCIÓN RURAL, unha entidade dedicada á creación de proxectos innovadores para o desenvolvemento do rural.
As oportunidades de emprego no territorio Limia-Arnoia
O futuro dos concellos rurais depende, en boa medida, da creación de emprego e do impulso económico. "Ficar aquí" recolle ofertas de traballo tradicionais, opcións de relevo xeracional en negocios locais ou proxectos impulsados por emprendedores que buscan persoas socias ou colaboradoras.
Para facilitar o acceso á información, "Ficar Aquí" non só conta cun portal web e redes sociais, senón tamén cun sistema de 53 canles de WhatsApp, unha por cada comarca galega, para poder estar ao tanto das novas oportunidades que van xurdindo en cada zona.