jueves. 25.04.2024

"O excesivo número das explotacións porcinas, avícolas e en menor medida as cunículas, con escasa terra, e sen ningún outro medio que poida xestionar convenientemente os seus xurros e estercos converte a súa discutíbel rendibilidade económica nunha carga que ameaza toda a outra actividade agrícola e gandeira dunha comarca senlleira pola riqueza e calidade dos seus produtos", sostén o BNG nunha iniciativa rexistrada o 19 de xaneiro no Parlamento galego e que leva a firma do portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas, e das deputadas por Ourense, María G. Albert e Iago Tabarés.

As nacionalistas alertan da contaminación das augas e solos na Limia polos abonos procedentes de granxas de produción intensiva de aves e porcino e reclaman do goberno galego medidas para frear unha futura declaración de zona vulnerábel.

"Despois de constatar o incumprimento das normativas europeas e logo dun longo proceso de requirimentos, a Comisión comunicou o 2 de decembro pasado a súa decisión de levar ó Estado español diante do Tribunal de Xustiza da Unión Europea por non ter tomado medidas abondo contra da contaminación por nitratos. Esta é, pois, a última hora onde se constata unha seria ameaza sobre a Limia e posiblemente outras zonas deste noso País na posibilidade de ser/seren declaradas zonas vulnerábeis", indican os parlamentarios. 

Nun comunicado publicado o pasado sábado, o BNG advirte que os produtos xerados pola agricultura e gandería da Limia corren un grave risco comercial. Ante esta circunstancia, esixe á Xunta que deseñe e dote de recursos económicos “un plan de recuperación de terras e augas da comarca da Limia” extensible a outra comarcas. 

MORATORIA OU FUME?

Ademais, lembra que na iniciativa parlamentaria se solicita “unha moratoria urxente para a ampliación e instalación deste tipo de granxas”, ademais de proxectos de compostaxe para substituír os abonos de síntese e formación en boas prácticas agrogandeiras.

O BNG insiste na necesidade de “poñer coto” a prácticas lesivas para as augas da Limia e parar con medidas urxentes a contaminación de nitritos, nitratos e bacterias en augas subterráneas e superficiais procedentes das granxas de produción intensiva. 

No texto rexistrado, Rivas, Albert e Tabarés lembran que  o 4 de outubro de 2019, na Comisión 7ª do Parlamento, o Director Xeral de Agricultura ofreceu un abano de futuras medidas "que a día de hoxe quedaron en pasado". As nacionalistas critican que "van máis de 4 anos de todo isto e nada sabemos do Anteproxecto de Lei Reguladora do Sistema Integrado para a Xestión das Dexeccións Gandeiras de Galicia, nada do Plan Estratéxico do Sector Agrario da Limia, nada do prometido Plan de Formación, nada da posta en funcionamento da Planta de Sarreaus... nada sabemos de nada. Todo fume".

NOTICIAS A LIMIA | O BNG pide un plan de recuperación de terras e augas da comarca da...