miércoles. 24.04.2024

A alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, elevada á alcaldía por Manuel Baltar no 2015 despois da inhabilitación de Xosé Xaquín Rodríguez, é máis contundente que os representantes da oposición na súa valoración da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou a avaliación do impacto da ampliación dunha granxa de polos no lugar de Santa Mariña de Congostro, propiedade de Camilo Fernández Freire, concelleiro do PP no goberno de Rairiz e compañeiro de filas da alcaldesa.

"Se teño que revogar a licenza, revogareina; a Camilo, como a calquera veciño", dixo este luns Morgade, preguntada polo Diario do Limia despois da información publicada sobre unha instalación que se construíu e está en produción sen que os veciños afectados fosen escoitados no procedemento de exposición pública, tal e como certifica a sentencia do TSXG. 

"O matrimonio foi contra a Xunta, non contra o Concello de Rairiz", di a alcaldesa. "Aquí, no Concello, os funcionarios facilitáronlle toda a información, mesmo copias do expediente e puideron consultalo", sostén, malia que os principais afectados -a súa vivenda está a menos de 50 metros dos ventiladores que expulsan aire e outros elementos da nave de polos- manifestaron a este diario o seu fondo descontento co Concello.

"Nós procedemos conforme á lei na concesión da licenza de obra. A Consellería de Medio Ambiente informou positivamente sobre o estudo ambiental e o Concello de Rairiz non podía facer outra cousa", lembra Morgade, quen comenta que soubo do proxecto de ampliación da explotación do seu compañeiro de partido "hai dous anos" cando os documentos entraron "nos órganos sectoriais da Administración galega".

Camilo Fernández Freire é un gandeiro, fillo de gandeiro, que fai parte de Cavirsa Freire, a empresa demandada. Entrou en política antes das municipais do 2019 como número catro da lista do Partido Popular. Naquela altura, o seu proxecto de ampliación para dobrar a capacidade da explotación (pasar de case 23.000 polos a 48.000 anuais) xa estaba en marcha.

Mais a alcaldesa intenta apartar a polémica da cuestión política. "É un asunto particular, non político. Politicamente teño pouco que valorar", di. E sorprendentemente a oposición tamén pensa o mesmo. Sen matices, no caso do líder do PSOE (dous concelleiros fronte aos 5 do PP), Pablo Lorenzo. Algo máis crítico, mais tamén moi prudente, é o número un da Agrupación de Electores de Rairiz (2 concelleiros), Francisco García.

Granxa de polos en Rairiz. Ampliación. TSXG (3)A nave B, obxecto da demanda dun matrimonio veciño.

Lorenzo explica ao Diario do Limia que "no que respecta ao PSOE, non queremos mesturar o persoal ou familiar co político. E o Concello non pode facer outra cousa que acatar o que di a Xunta e dar a licenza". "Ademais", incide Lorenzo, "penso que o proxecto da ampliación vén de atrás, de antes de que Camilo Fernández se presentase as eleccións".

"No que respecta ao PSOE, non queremos mesturar o persoal ou familiar co político" (Pablo Lorenzo)

Pola súa banda, Francisco García advirte que hai posturas diferentes na Agrupación de Electores de Rairiz, mais el pensa que "o granxeiro non está libre de culpa, nin por suposto a Xunta, que deu para adiante á ampliación sabendo que está en Rede Natura e en zona ZEPA (Zona Especial de Protección de Aves)". García considera que o Concello estaba atado polas decisións de Medio Rural e de Medio Ambiente, as consellerías, "e non lle quedou outra". "O que non sei é se o interesado participou da Xunta de Goberno do Concello na que se acordou conceder a licenza, que podería non telo feito por dignidade".

O Concello estaba atado polas decisións de Medio Rural e de Medio Ambiente, as consellerías, "e non lle quedou outra", di Francisco García (AGER).

A respecto dos efectos que sobre a saúde e a calidade de vida do matrimonio que demandou e doutros dous veciños que tamén alegaron contra o proxecto, Pablo Lorenzo di: "Claro que nos gustaría que na Limia houbese menos granxas que producen cheiros, pero sería inxusto centrarnos nesta só". Francisco García entende que "o matrimonio estea moi molesto porque o cheiro está aí e foi a peor", e lembra que intentaron ir comprando fincas arredor da vivenda para frear a ampliación, "mais non puideron comprar as suficientes".
 

NOTICIAS A LIMIA | A alcaldesa de Rairiz: "Se teño que revogar a licenza, revogareina;...