O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense levará ao vindeiro pleno ordinario unha moción para instar á institución a aprobar un plan de choque de reparación das infraestruturas viarias provinciais na comarca da Limia e a crear unha liña de axuda extraordinaria para os concellos afectados polas recentes inundacións.
O voceiro socialista, Álvaro Vila, visitou a zona acompañado da alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade, onde puido comprobar sobre o terreo a gravidade dunha situación que se arrastra desde hai semanas. No límite entre Rairiz de Veiga e Porqueira, o río Limia volvía discorrer a piques de desbordar sobre a estrada que comunica ambos municipios, unha imaxe que se repite ao longo da comarca con decenas de vías cortadas, vivendas asolagadas e cultivos esganados.
“Estamos ante unha situación de emerxencia real que non admite máis pasividade institucional”, advertiu Vila, quen lembrou que a Deputación ten competencias directas sobre a rede viaria provincial e a obriga de cooperar cos concellos que non poden asumir en solitario os custos extraordinarios desta desfeita. “Ten a obriga legal e moral de cooperar con aqueles concellos que non poidan afrontar por si mesmos os custos extraordinarios”, engadiu.
As sucesivas borrascas atlánticas deste inverno deixaron danos de enorme consideración. O sector primario estima perdas próximas ao 80% da colleita de cereal de inverno, mentres a Lagoa de Antela reapareceu de facto en fincas que durante décadas foron produtivas. En Xinzo de Limia chegou a activarse o Plan de Actuación Municipal fronte ao risco de inundacións, e concellos como Sandiás, Porqueira, Vilar de Santos, Baltar ou Trasmiras sufriron a entrada de auga nas vivendas e o bloqueo de accesos a distintos núcleos.
Desde o ámbito municipal denuncian a falta de medios para facer fronte á situación. “Os concellos da Limia están sós ante unha situación que os desborda”, sinalou Morgade, quen advertiu da carencia de recursos técnicos e orzamentariospara reparar infraestruturas, tramitar axudas doutras administracións e atender á veciñanza ao mesmo tempo. “Precisamos que a Deputación estea á altura do seu papel e bote unha man de xeito real e concreto”, reclamou.
A moción socialista inclúe dúas propostas de acordo: a aprobación e execución dun plan de choque de inspección, reparación e acondicionamento das estradas provinciais afectadas, con dotación orzamentaria específica, e a habilitación dunha liña de axuda extraordinaria para os municipios limiaos, destinada á reparación de infraestruturas locais, con tramitación simplificada e asistencia técnica e xurídica directa da Deputación.
“Non pedimos nada que non sexa razoable e xusto. Pedimos que a institución provincial cumpra coas súas obrigas con esta comarca que leva demasiado tempo sufrindo soa”, concluíu Vila.
