En conxunto, estes concellos contarán con 5 brigadas para a defensa contra incendios durante os próximos 3 meses

NOTICIAS A LIMIA | Calvos de Randín, Vilar de Barrio e Vilar de Santos contratan brigadistas

Brigada contra incendios forestais. | FOTO: Concello de Vilar de Santos.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) deste luns 27 de xuño anuncia o concurso público do Concello de Vilar de Santos para a contratación de 4 peóns e 1 xefe de brigada de prevención e defensa contra incendios forestais. 


O contrato que se oferta é a xornada completa e temporal para obra ou servizo durante 3 meses. O prazo para a presentación de solicitudes remata o próximo luns, 4 de xullo, incluído. As instancias poden presentarse no Rexistro do concello en horario de 09:00 a 14:00 horas. Tamén nos BOP destes últimos días aparecen as ofertas para a contratación de brigadistas nos concellos de Calvos de Randín e Vilar de Barrio. 


No caso de Calvos de Randín, a oferta pública está no BOP do pasado xoves, día 23. E fai referencia á contratación de 2 capataces, 2 peóns condutores e 6 peóns forestais. O contrato é a xornada completa “temporal por circunstancias da produción” e tamén durante 3 meses. O prazo de presentación das instancias remata este venres, 1 de xullo. E a selección resolverase por “concurso de méritos e proba práctica”.


O Concello de Calvos de Randín está a ofertar tamén a contratación de 1 auxiliar de axuda a domicilio. As bases están no BOP do sábado 25 de xuño. O contrato é temporal cunha duración de 3 meses. O prazo para rexistrar as solicitudes remata tamén este venres, 1 de xullo.


Finalmente, o Concello de Vilar de Barrio está a ofertar a contratación, por un lado, de 3 encargados de manexo de vehículo motobomba; e por outro, a de 2 xefes de brigada, 2 condutores e 6 peóns “para a formación de dúas brigadas de prevención e defensa de incendios forestais”.


Os anuncios de Vilar de Barrio están tamén no BOP do xoves 23 de xuño. No caso dos encargados das motobombas, a duración do contrato é de 4 meses. Para os brigadistas a oferta é dun contrato de 3 meses de duración. O prazo de rexistro de instancias para ambas convocatorias remata este venres, 1 de xullo.