En Salto (Montalegre) inaugurouse esta semana unha exposición de fotografías do Gerês

AXENDA | Artesanía ao vivo no Museo da Limia e sábado en familia co CDR O Viso

Interior dunha casa limega tradicional, no Museo da Limia. | FOTO: Museo da Limia

Mercedes Veites e a Asociación de Artesáns Limiar inician mañá sábado a súa primeira tempada no Museo Etnográfico da Limia cunha xornada de artesanía que se celebrará pola mañá. A propostas, da que gozará nesta ocasión unha excursión de veciñas de Casardeita (Celanova) inclúe un percorrido por Vilar de Santos, visita ao Museo e a posibilidade de coñecer de primeira man as elaboracións de seis artesáns da Limia.

Son artesáns da pantalla de Xinzo, cesteiros, oleiros de Maceda, de roupa e de instrumentos musicais. A intención de Limiar é empezar a promocionar uns obradoiros que se desenvolverán a partir de marzo, empezando cun taller de cestería. O Museo permanece aberto sábados e domingos de 11 a 13:30 horas, e de 16 a 18:30 horas. Nos sábados seguintes, as visitantes atoparán os artesáns os sábados pola tarde.

Gravación dun dos programas da serie no centro do CDR en Xinzo. | FOTO: CIX

Sábado en familia

No o CDR O Viso regresan mañá os Sábados en Familia, unha aproximación ao patrimonio natural e cultural que nesta ocasión visitará Congostro en Rairiz. O cartel anuncia un dos principais puntos de interese da xornada: o conxunto de canastros na eira da aldea. O punto de encontro é o castelo da Saínza ás 10:45 horas.

Tamén no CDR O Viso están de estrea virtual esta fin de semana. O domingo estará accesíbel desde a web a partir das 19:00 horas -e en Ivoox (Radio Lodoselo. CDR O Viso), en Facebook (@oviso.cdr) e no Instagram (@cixdalimia_cdr)- o primeiro programa de radio, en formato podcast, dunha serie dedicada á interculturalidade cuxos primeiros episodios foron gravados nas ultimas semanas. No primeiro programa, Mariam K. a presentadora orixinaria de Tanger, entrevista a Andrés Puertas, un mozo venezolano afincado na Limia. É estudante de formación profesional de Agraria. El foi un dos técnicos encargados de gravar a semana pasada o programa con Cristina Pichel

Exposición de fotografías do Gerês no Salto, Montalegre. | FOTO: Ecomuseu

As brumas do Gerês, fotografía en Salto

No Ecomuseu do Barroso-Centro Interpretativo das Minas da Borralha, en Salto (Montalegre) pódese visitar desde o pasado martes a exposición Entre Relevos e Brumas: Serra do Gerês, de Mário Cunha. Os horarios do Ecomuseu son de 10 ás 13 horas (hora portuguesa) e das 14 às 18 horas todos os días. A entrada e gratuíta.

Mário Cunha é un doutor en Bioloxía que leva algúns anos dedicado en exclusiva a “camiñar polo bosque e a montaña retratando a natureza”. O resultado das súas camiñadas polos cumios do Gerês é esta mostra que xa pasou polas sedes do Ecomuseu en Montalegre e Fafião.