viernes. 26.04.2024

Olaia Tubío (Rois, 1994) e Alejandro Gándara (Carballo, 1993) son cineastas e autoras de varios documentais sobre música tradicional do país. Este sábado impartirán en Xinzo a segunda sesión do curso 2022 da universidade de maiores. O seu seminario, titulado O cine do cotiá: un achegamento á práctica documental, pretende ser “unha porta de entrada para aprender cine”. Aquí contan de que vai o curso e algunhas cousas máis:

Dorothé na vila
Dorothé na Vila é unha longametraxe documental na que imos tralos pasos de Dorothé Schubarth, a musicóloga suíza que fixo o Cancioneiro Popular Galego, a maior obra sobre a música de tradición oral do país. Na película visitamos algunhas das persoas que Schubarth gravou hai 40 anos e levámoslles de volta as súas voces recollidas naquelas cintas

Deixarse levar
O noso documental non é o centro do curso, senón un recurso máis dos que imos empregar. Parécenos un bo recurso didáctico para este curso porque o proceso de creación foi moi caseiro. Eramos un equipo de tres persoas, deixámonos levar polas situacións, respectamos os tempos da historia e fomos aprendendo sobre o camiño, co que nos parece un proceso interesante para explicarlle a xente sen moita experiencia previa.   

Cine documental
Non é doado definir o documental, hai moito debate sobre iso (e xa vén de vello) porque os límites entre realidade e ficción non están sempre claros. Para entendernos podemos dicir que o documental é a creación cinematográfica que emprega dun xeito primordial imaxes e situacións tiradas directamente da realidade

Cine cotián
O curso chámase O cine do cotián: un achegamento á práctica do documental. Isto non quere dicir que a cotidianeidade sexa ámbito exclusivo do cine documental, pero si que nos parece que o cine documental con eses elementos do día a día da xente é unha boa porta de entrada para aprender cine. As esixencias son mínimas, pode facelo calquera cunha cámara e unha mirada curiosa cara o mundo, ou incluso cara o mundo interior de cada un. 

A cotidianeidade é unha boa porta de entrada para aprender cine. As esixencias son mínimas, pode facelo calquera cunha cámara e unha mirada curiosa cara o mundo.

As sesións do sábado
O obradoiro consistirá en dúas sesións de hora e media. A primeira sobre todo dedicada a falar sobre conceptos básicos como o cine, o documental e a linguaxe cinematográfica. Durante toda a sesión veremos e comentaremos exemplos de películas moi diversas, sobre todo centradas no cine documental de corte afeccionado, ou cando menos realizado con moi poucos medios. Formas documentais moi a man de calquera con coñecementos básicos como o vídeo diario, a vídeo correspondencia, o retrato e o auto-retrato…

Na segunda sesión gravaremos un pequeno documental no que cada participante contará a historia da súa casa a partir dunhas fotografías do arquivo familiar. A idea é traballar a narración e fomentar a valoración dos arquivos familiares para usos creativos. 

Veremos escenas de películas de cineastas marabillosas como Agnès Varda, Abel Vega, Carolina Astudillo ou Dziga Vertov, entre outras. E deixaremos a presentación a disposición do alumnado.

O obxectivo
Que esperamos conseguir nas sesións? Compartir películas que nos gustan e animar a xente a que faga cine na casa! En canto ao materia didáctico, veremos escenas de películas de cineastas marabillosas como Agnès Varda, Abel Vega, Carolina Astudillo ou Dziga Vertov, entre outras. E deixaremos a presentación a disposición do alumnado para que poida indagar na bibliografía. 

A Universidade Popular
Pensamos que é unha iniciativa moi interesante para achegar programación didáctica moi diversa a concellos rurais. Agora andamos nisto, proxectos cinematográficos á vista? De momento nada á vista, andamos a outras cousas e imos con calma.

AXENDA | Taller para empezar a facer cine na casa