Monterrei entra na Primavera do Viño con cinco buses e novas experiencias
A Primavera de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia celebra a súa 15ª edición cun calendario que reúne case un cento de actividades repartidas en distintas fins de semana dos meses de maio e xuño. A iniciativa está organizada por Turismo de Galicia en colaboración coas asociacións das rutas dos viños das cinco denominacións de orixe galegas.
No conxunto da campaña participan 59 adegas, que abrirán as súas portas con visitas guiadas e gratuítas durante as datas programadas. Ademais, inclúense 61 actividades complementarias entre as que figuran percorridos por viñedos, rutas de sendeirismo, paseos en barco, catas comentadas, maridaxes con produtos gastronómicos e obradoiros temáticos.
A programación complétase con 32 buses do viño, con distintas saídas desde varias localidades galegas e acompañamento de guía, co obxectivo de facilitar os desprazamentos ás diferentes zonas vitivinícolas.
No ámbito dixital, as redes sociais de Turismo de Galicia acollerán tres concursos por cada Ruta do Viño, cun total de 15 premios. Os agasallos consisten nunha noite de aloxamento para dúas persoas en habitación dobre nun establecemento asociado e xantar do domingo nun restaurante colaborador.
No caso da Ruta do Viño de Monterrei, a campaña contará con cinco buses do viño e catro actividades organizadas. Entre as propostas figuran obradoiros de harmonías gastronómicas con viños da denominación de orixe, conservas mariñas e queixos de diferentes procedencias, ademais dun túnel do viño e unha ruta polos lagares rupestres da zona.
Na Ruta do Viño de Valdeorras están previstos oito buses do viño e 18 actividades coa colaboración de concellos, empresas turísticas e adegas. Haberá rutas polos viñedos, espazos naturais e patrimonio arquitectónico, así como túneles do viño, catas e experiencias de benestar.
A campaña tamén chegará ás rutas de Rías Baixas, Ribeira Sacra e O Ribeiro, con actividades culturais, visitas guiadas, concertos, obradoiros, propostas termais e novas experiencias ligadas ao enoturismo.
Desde a Xunta sinalan que esta iniciativa busca avanzar na desestacionalización turística e na redistribución territorial da demanda. Segundo os datos facilitados, en 2025 os meses de maio e xuño rexistraron incrementos de visitantes do 4%e do 6,7% respecto ao ano anterior.