jueves. 25.04.2024

O colectivo de artistas Espacio Matrioska, que durante 7 anos desenvolveron actividades como o Festival Raíña Lupa, residencias para creadores plásticos e audiovisuais e outras accións de dinamización cultural nos Blancos, onde tiñan a súa sede nun edificio previsto para usos administrativos do Concello, quere volver á Limia. Dous meses despois de que a decisión do goberno municipal de acondicionar o edificio como vivendas sociais obrigase aos artistas a abandonar o espazo, Matrioska seguen sen sede, mais decidida a non romper os vínculos tecidos na Limia. “Gustaríanos seguir no rural galego, e se pode ser na Limia, mellor”, di Javier Carrera, un dos portavoces do colectivo en conversa telefónica co Diario do Limia.


Desde Espacio Matrioska aínda non comprenden a decisión do alcalde, José Manuel Castro (PP), de dar por finalizada a cesión do edificio para habilitalo como vivendas sociais, dúas... nun concello de 745 habitantes e que no último ano do que hai rexistro (2020) anotou un nacemento e 21 defuncións. “Seguimos mantendo vínculos nos Blancos. Temos a casa e temos a horta, seguimos indo. Pouco no inverno, máis cara o verán. E mesmo fixemos produción de viño en colaboración cun veciño”, conta Carrera.

Espazo Matrioska (5) (FILEminimizer)Exterior do edificio que acolleu ao colectivo Espacio Matrioska.

As intencións de Espacio Matrioska, que segue sen unha alternativa (e aínda que dispón dun local en Pontevedra, a súa vocación é o rural), son “pensar amodo as cousas para non volver a levar un pau”. Mais están abertas a suxestións, e estudarán calquera proposta que reúna unhas condicións mínimas: un espazo digno e unha administración local que teña interese na cultura e sensibilidade co seu traballo artístico. “Iso sería o básico. Non precisamos cartos”.

Seguimos mantendo vínculos nos Blancos. Temos a casa e temos a horta, seguimos indo. E mesmo fixemos produción de viño en colaboración cun veciño” (Javier Carrera)

Espazo Matrioska (4) (FILEminimizer)Interior, desde unha das fiestras traseiras.

Durante os 7 anos nos Blancos, o colectivo organizou o festival de música,  deu acubillo a máis de 150 artistas residentes de distintos países e colaborou en accións educativas e de divulgación entre toda a veciñanza. “Alén de todo iso, do que máis orgullosas e orgullosos nos sentimos é que fomos veciños, intervimos na vida cotiá. E algo queda. Quedan eses murais que son testemuño de que algo pasou alí”, conclúe Javier Carrera. Volverán como veciñas e veciños que foron. Mentres, esperan que o 2022 vaia despexando as incertezas e, se se abre unha posibilidade na Limia, estudarana co desexo de se asentar de novo.

Espazo Matrioska (3) (FILEminimizer)Mural na estrada que atravesa o centro dos Blancos.

Nos Blancos, o edificio que se pensou para acoller a Casa do Concello e despois reviviu como Espacio Matrioska segue pechado estes días. O alcalde prometeu vivendas sociais. Na escola hai matriculados 25 nenas e nenos. O 60% da poboación está xubilada. A renda dispoñíbel por habitante está ao redor dos 10.000 euros ano. 

NOTICIAS A LIMIA | Espacio Matrioska: “Gustaríanos seguir na Limia”