sábado. 27.04.2024

Marta Enríquez é a presidenta do Casino de Xinzo de Limia desde hai catro anos, e desde hai catro anos, chegado o verán, o Casino organiza a Foliada Antelana. Empezaron nos salóns do Casino, pero o segundo ano xa tiveron que sacala á rúa. O sábado, día 25, no Parque do Toural, celebrarase a cuarta edición. Marta está estes días colgada do teléfono. Os últimos detalles son os máis traballosos: o escenario, o son, os aloxamentos... Atende ao Diario do Limia despois de rematar a súa xornada laboral e mentres empeza a rolda de chamadas da noite.


“No Casino Antelano temos 240 socias e socios e actividades variadas. Mais cando entrou esta nova directiva, no que pensamos foi en como chegar a novos públicos, xente máis moza. No Casino e en Xinzo a cultura musical sempre foi moi importante. Nós eliximos traballar no ámbito da festa libre, quizás o máis descoñecido, algo que se foi perdendo, sobre todo en Ourense. E por iso a foliada, e por iso os cursos de canto e pandeireta, con Daniela Sampayo, e o baile tradicional con Artur Puga”.


A recuperación das foliadas, as ruadas e os seráns, a festa libre, converteuse nun obxectivo, dentro do cal, a transmisión ás xeracións máis mozas empeza a verse como clave. Por iso este ano, na cuarta edición, a Foliada Antelana vira cara ás cativas e aos cativos. Non só pola Foliadiña Pequena (o sábado a partir das 20:00 horas). Tamén co espectáculo de títeres O galo Quirico e os seus amigos (o sábado ás 12:30 horas), e cun obradoiro de canto e pandeireta a cargo de Daniela Sampayo (de 16:00 a 17:30 horas, o sábado no Casino) e un espectáculo de baile no que o público interactúa cos actores de Armadanzas (sábado ás 18:30 horas no Toural). 


“É certo que en Xinzo hai moita afección pola música. Temos o Conservatorio, a Banda, a Escola de Gaitas... pero nós, entre os case 80 alumnas e alumnas que atendemos entre o baile e o canto e a pandeireta, vemos poucos cativos. Unha cousa é tocar nun grupo de gaitas ou nunha banda de música e outra aprender a cantar ou a bailar para participar de calquera foliada. Os grupos de gaiteiros son para determinados formatos, para concertos ou concursos ou pasarrúas... A foliada é festa aberta, chegar e tocar e bailar. O outro mantívose desde sempre. Pero as foliadas ou os serán estanse perdendo”.


Marta Enríquez explica como na zona da costa galega estas tradicións de festa libre fóronse mantendo, e como en Ourense custa recuperalas malia o esforzo que fan Rebulir en Ramirás, Candaira en Laza ou Algaravía coa foliada itinerante VenRespirar. En Xinzo, son eles, a Foliada Antelana, co apoio do Casino e tamén do Concello de Xinzo.

Marta Enriquez. Casino Antelano. Foliada Antelana. Baile tradicional. Canto e gaita 4
Marta Enriquez, no Casino Antelano. 

O sábado non haberá festa só para os cativos. Pola mañá (13:30, no Toural) haberá sesión vermú cos Viqueiras de Ordes, e pola noite (22:30, no Toural) concerto de Tres Pesos, que pasaron recentemente pola Arca da Noe en Vilar de Santos. No medio, en nas instalacións do Casino, un obradoiro de canto e pandeireta a cargo de Xurxo Fernández, un dos mestres máis reputados hoxe no país.


A Foliada Aberta empezará cando remate o concerto da noite. Polo momento hai varios grupos anotados, algúns veñen de Pontevedra e da Coruña. As inscricións poderán realizarse até minutos antes da foliada. O San Xoán vive estes días pendente da chuvia. Para o sábado, as predicións tamén son pesimistas, a ameaza de chuvia mantense.   
 

NOTICIAS A LIMIA | A Foliada Antelana pon o foco nos máis mozos