miércoles. 06.11.2024

Despois da paréntese pola Saínza, A Arca da Noe regresa cunha programación xenerosa no inicio do outono. Arranca xa este venres, día 30 de setembro, cun concerto do grupo rock SusieQ's (21:30 horas). Para este evento, o Diario do Limia en colaboración coa sala sortea unha cea para dúas persoas [PARTICIPA NO SORTEO A TRAVÉS DO FACEBOOK: AQUÍ]. A carta para a cea: costeleta de angus com lombarda e patacas ou guiso de hortaliças + gelado de limão de sobremesa. Pódense facer reservas no 699 486 282. 

O sábado, 1 de outubro, haberá un concerto de Xiz (21:00 horas) e a presentación da exposición de pintura de Tamara Garrido Rúa. A Arca da Noe empezará o mes pendente da decisión do xurado dos Premios Martín Códax da Música. A próxima semana coñeceranse as gañadoras e A Arca figura entre as finalistas ao galardón de mellor sala de concertos do país. 

Este sábado comezan tamén os cursos na Arca. Patricia López impartirá o primeiro deles, o de pandeireta, un sábado cada mes de 16:00 a 18:00 horas. O prezo cada tres meses é de 45 euros. A semana seguinte haberá concertos o venres e o sábado. O primeiro, o de Santi Bernal (día 7, ás 21:30 horas), que está de xira co seu primeiro disco, Caleya. O segundo, no Espaço Carabunhas, a cargo de Yaíma Orozco e Alfred Artigas (día 8, ás 14:00 horas). O sábado 8, Marta Joga inaugura o curso de pandeireta para nenas e nenos. Serán dous sábados ao mes, entre as catro e as cinco da tarde, cun prezo de 15 euros por mes. As interesadas poden anotarse no teléfono da Arca ou a través do facebook ou no mail [email protected].

Para o 14 de outubro está previsto que Lucía Cedrón abra o curso de baile. Impartirase dous venres ao mes de 20:00 a 21:00 horas. O prezo: 45 euros por tres meses. Esa mesma fin de semana, o domingo 16, empezará o curso de percusión miúda con Ramón Dopico. Traballarase con instrumentos da música tradicional galega, como colares, cunchas, tarabelas ou ferriños. Ese venres celebrarase o concerto de Zeca& Euseumatos Instalados em poltronas (día 14, ás 21:30), e o sábado 15 terá lugar a presentación do libro de Fran Zabaleta, En Busca de la Utopía (20:00 horas), e a continuación, o concerto de Skadelos (21:30 horas).

A semana seguinte Vilar de Santos acollerá o IX Mercado de Artesanía e Produto Local, organizado pola Arca xunto á Asociación de Artesáns Limiar do Museo etnográfico da Limia. Para as interesadas en instalar un posto de venda, as organizadoras indican dous teléfonos de contacto: 617 844 097 e 699 486 282.  Para o mes de outubro están programados tres concertos máis: o día 21, o de Diaz; o 28, Valentín Dacova; e o 29, seKadra.

Programación Arca da Noe. outubro 2022 (FILEminimizer)
Programación na Arca da Noe para o mes de outubro.

AXENDA | A Arca da Noe vén cargada este outono de música e cursos