Xoves. 28.03.2024

Esta noite na Arca da Noe, por volta das 21:30 horas, hai concerto e cea. O concerto corre a cargo de Marta & Benxa. Para gozar da cea (que hoxe inclúe fideuá de carne ou vexetal e xeado de limón con doce de sabugueiro e arandos) hai que facer reserva. Os concertos sucédense na Arca a ritmo de dous ou tres cada fin de semana. O domingo, por exemplo, chega a banda The Hiraeth Quartet (violín, acordeón, guitarra...). Así se constrúe unha reputación: con constancia e boa música.


Á Arca, que hai apenas un mes celebrou o seu oitavo aniversario, chegaron boas noticias esta semana. O xurado da novena edición dos premios Martín Códax da música volveron seleccionar o local entre as tres finalistas ao galardón da mellor sala de concertos do país. Competirá coas salas Karma (Pontevedra) e Rebullón (Vigo).


Noemí Vázquez, a propietaria da Arca, estivo antonte no Salón de Congresos y Exposiciones José Peña, en Cambados, onde se fixeron públicos os nomes das 45 bandas e artistas e das 9 salas, festivais e espazos de comunicación que alcanzan a final nas 18 categorías a concurso.


A Arca da Noe xa recibiu este galardón no ano 2016, pouco tempo despois da súa fundación. Noemí Vázquez, que participou do proxecto doutra sala limiá, A Corte dos Bois, abriu a Arca en Vilar de Santos no 2014. Agora, despois da pandemia, o local mudou a súa oferta, coas ceas e levando concertos tamén ao espazo Carabuñas. Tamén está rematando un proxecto de libro-cd con artistas que pasaron pola Arca en base a gravacións en distintos puntos da Limia.

La Oca Band, que estará na Romaría da Saínza, tamén figura entre as tres finalistas dos premios na categoría de orquestras.


Mentres se producen as votacións e chega a decisión do xurado sobre o premio que se entregará nunha gala o próximo 5 de outubro, na Arca seguirán ao seu. Despois do descanso pola Saínza a próxima fin de semana (por certo, La Oca Band, que estará na Romaría, é finalista no apartado de Orquestras nos mesmos premios), xa teñen programada a actuación da banda Susie Q’S para o día 30.

Noemi Arca Premios Martín Códax
Noemí Vázquez, cos outros finalistas, o mércores en Cambados. | FOTO: Sala Karma.


OS FINALISTAS

  • Pop e Indie: De Vacas, Anxo Araujo, Néboa.
  • Rock: Familia Caamagno, Moura, Bala.
  • Canción de Autor/a: Antía Muíño, Xóan Curiel, Sofía Espiñeira.
  • Músicas Urbanas: Rebeliom do Inframundo, O Rabelo, Ilmarto.
  • Blues, Funk e Soul: Nastasia Zürcher, Udra, O Cadelo Lunático.
  • Electrónica: Grande Amore, Garza, Hilario Rodeiro.
  • Metal: Arrhythmia, Grima, Teima.
  • Música Clásica e Contemporánea: Samudra Trío, Katerina Linke, Fernando Abreu.
  • Jazz e Músicas Improvisadas: Xosé Miguélez 4tet, Orquestra Galega de Liberación, Valentín Caamaño.
  • Músicas do Mundo e Mestizaxe: Catuxa Salom, Nebra, Sheila Patricia.
  • Música Tradicional: Airiños da Freba, Cántigas e Frores, Os da Porfía.
  • Folk: Cuarteto Caramuxo, Oîma , Os d’Abaixo.
  • Música Infantil: Mamá Cabra, Pitusa Semifusa, Martiña Soñadora.
  • Orquestras, Grupos e Música de Verbena: La Oca Band, Bicoia, América de Vigo.
  • Bandas de Música Popular: Banda Unión Musical de Meaño, Banda de Música Cultural de Salceda, A Banda de Lombás.
  • Salas: A Arca da Noe, Sala Karma, Sala Rebullón.
  • Festivais: Festival de Ortigueira, Canteira Fest, Canjazz.
  • Espacios de Comunicación: Ondas Indies (Radio Galega), A Xente de Teo, Descúbreas.

NOTICIAS A LIMIA | A Arca da Noe, finalista nos Premios Martín Códax á mellor sala de...