O Museo Galego do Entroido, xestionado pola Deputación de Ourense e con sede en Xinzo de Limia, volverá a abrir a mediados de outubro, cando se resolva o procedemento para a contratación do servizo de portería, vixilancia e limpeza que tramita a entidade provincial. Abrirá por terceira vez neste 2022, e por un período de 3 meses, até o próximo 15 de xaneiro de 2023. Ese é o acordo que impulsou na Deputación o goberno municipal de Xinzo de Limia a través da alcaldesa e deputada provincial socialista, Elvira Lama.
No pleno celebrado esta mañá a corporación provincial -cos votos favorábeis do PP, o BNG e a deputada non adscrita Montse Lama- tamén acordou apoiar a preservación de presas tradicionais nos ríos da provincia, en contra da política da Confederación Hidrográfica Miño-Sil de eliminar calquera tipo de barreira nos ríos. A moción do BNG pretende aumentar o nivel de protección de presas, que inclúe a elaboración dun catálogo e a demanda á CHMS de que coopere no labor de conservación. O grupo socialista abstívose.
Tamén hoxe o goberno provincial que preside Manuel Baltar (PP), tramitou no pleno unha partida de 100.000 euros para crear comunidades enerxéticas locais en 12 concellos: Riós, A Gudiña, A Peroxa, Muíños, Carballeda de Avia, Larouco, San Xoán de Río, Maceda, San Amaro, Os Blancos, A Merca e Montederramo.
Segundo a Deputación, o obxectivo é “impulsar o autoconsumo colectivo, aumentar a eficiencia, reducir as emisións de CO2 e lograr aforros de ata o 30 % nas facturas de electricidade tanto de edificios e equipamentos públicos como de fogares e pemes”.
No pleno saíron adiante os orzamentos para o 2023, que suman 90,9 millóns de euros. “Un incremento do 6,15 % que se traduce en máis de 5,2 millóns de euros con respecto ao vixente plan económico. Cuns ingresos de 75,7 millóns de euros por transferencias correntes do Estado, o 83,24 % do importante total dos ingresos, sendo así [o Estado] a principal vía de recursos da entidade”, explica a Deputación.