O DOG publica hoxe un acordo do pasado 4 de maio da Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Vicepresidencia Segunda polo que sae (de novo) a exposición pública o proxecto deseñado por Greenalia para chantar un polígono eólico nas serras da Aguioncha e Pena Loba, que afecta aos concellos de Calvos de Randín, Baltar e Os Blancos. O trámite inclúe agora, máis dun mes despois de presentado o primeiro proxecto, documentación actualizada sobre os propietarios dos terreos sobre os que se imporía a infraestrutura.
Non varían as características do polígono denominado Lamas de Feás, cunha potencia a instalar de 33 MW en 7 aeroxeradores de 200 metros de altura (non hai en toda a provincia de Ourense aeroxerador ningún de semellantes dimensións), e cun orzamento de 27 millóns de euros.
Despois de que veciñanza de varias comarcas ourensás conseguise reunir e rexistrar máis de 1.500 alegacións (con puntos de recollida en 7 concellos), e mesmo o Concello de Porqueira (gobernado polo PP) tivese participado na campaña contra unha instalación que é o punto de partida da LAT, que atravesa 8 concellos nun percorrido de 42 quilómetros, Greenalia aparece agora con nova documentación.
Na reunión coa veciñanza, organizada polo alcalde de Calvos de Randín, Aquilino Valencia (PSOE), hai unha semana, os técnicos de Greenalia non fixeron en ningún momento alusión a este novo trámite, que xa coñecían porque o acordo é do 4 de maio. Boa parte da argumentación do avogado, tamén convidado polo alcalde, tamén se centrou en sinalar esta eiva na documentación que agora Greenalia corrixe.
E, mentres, os proxectos de Liña de Alta Tensión desde Lamas de Feás até Fontesanta (Bande, Verea) seguen en exposición pública e entran nas últimas catro semana para alegacións. A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, que onte participou na manifestación en Santiago de Compostela cunha pancarta rexeitando os proxectos eólicos Larouco, do Xurés, do Monte da Neve (serra do Laboreiro), xa avanzou que presentará alegacións aos dous proxectos: LAT e polígono no Monte Grande de Bande, ambos tamén de Greenalia.