miércoles. 09.10.2024

A terceira Liña de Alta Tensión (LAT) que sae a exposición pública nos últimos dez meses en territorio da Limia chega con máis oposición social que ningunha das anteriores. A LAT que vai da subestación proxectada para o PE Lamas de Feás (Greenalia) até a subestación do encoro de Frieira, no Miño, no concello de Padrenda, ten 42 quilómetros e 240 apoios (torres), e atravesa a Reserva de la Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, veigas como a do río Lobás, a do propio Limia a un quilómetro de Ponteliñares, que é Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), e a Rede Natura no percorrido por Bande.


A LAT, tamén un proxecto de Greenalia, aparece dividida en dous tramos. O primeiro, desde o PE Lamas de Feás até o PE Fontesanta (tamén de Greenalia), en Bande, ten 15,5 quilómetros e 76 apoios. É este tramo sobre o que lanzou a alerta a alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez (PP), xa que cruza a zona de concentración parcelaria entre Reboreda e Paradela de Abeleda. A alcaldesa reuniu aos veciños e informou de que o Concello de Porqueira presentaría alegacións contra a LAT.


Ademais, Vázquez cualificou toda a tramitación do proxecto como "pouco transparente". A oposición frontal de Vázquez choca co silencio dos outros gobernos municipais afectados polo trazado (Calvos de Randín, Bande, Verea, Celanova, Quintela de Leirado, Pontedeva e Padrenda). 


A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova advertiu esta mañá que parte da documentación do proxecto da LAT de Greenalia non é accesíbel. A documentación completa, ademais, non estivo a disposición pública na web de Transparencia da Xunta até media mañá. O prazo para presentar alegacións ao proxecto é de 30 días, a contar desde mañá. 


Na xuntanza veciñal que activistas de Stop Eólicos Xurés Celanova e do Sindicato Labrego Galego mantiveron o domingo en Feás (Calvos de Randín) para informar sobre os previsíbeis impactos do PE Lamas de Feás (7 aeroxeradores de 200 metros de altura entre a Aguioncha e Pena Loba), estes colectivos xa avanzaron que haberá oposición á LAT, xa que esta fai parte "dun mesmo plan de Greenalia" para instalar varios polígonos nas comarcas limiás e na Terra de Celanova.

Stop Eólicos Xurés Celanova advertiu esta mañá que parte da documentación do proxecto da LAT de Greenalia non é accesíbel.


Hoxe mesmo saíu tamén a exposición pública a documentación do PE Fontesanta, que afecta a Bande e Verea (tamén con dificultades de acceso, segundo alertan desde a plataforma veciñal). "En realidade", denuncian as activistas por boca dunha das súas portavoces, Aldara Soutomanco, "os proxectos de Lamas de Feás, Fontesanta e mesmo o do Monte da Neve en Celanova fan parte dunha gran infraestrutura de produción de enerxía eólica que deixa impactos severos no territorio e levará a enerxía e o beneficio para fóra do país"

LAT A Raia Miño
Trazado da LAT de Greenalia. En azul escuro, a Reserva da Biosfera; en azul claro, a Reserva de Allariz.

A LAT que vai da subestación proxectada para o PE Lamas de Feás (Greenalia) até a subestación do encoro de Frieira, no Miño, no concello de Padrenda, ten 42 quilómetros e 240 apoios (torres).

Pola súa banda, o Sindicato Labrego Galego distribuíu un mapa virtual do percorrido da LAT, que nas imaxes seguintes recolle o trazado desde a subestación do PE Lamas de Feás até a súa entrada na perimetral do PE Fontesanta. O mapa completo pode consultarse aquí

A zona sombreada da primeria imaxe representa a perimetral do PE Lamas de Feás. O trazado sae entre a Aguioncha e a Pena Loba cara o norte. Na segunda imaxe, a LAT transita entre Serois e Lobás, cruza a veiga do río, e continúa en dirección noroeste xunto entre Castelaus e Vila. 

LAT Porqueira 0
Trazado da LAT desde a subestación do polígono proxectado en Calvos de Randín, Baltar e Os Blancos.
LAT Porqueira 1
A LAT, próxima as poboacións de Lobás e Vila.

"En realidade", denuncian as activistas, "os proxectos de Lamas de Feás, Fontesanta e mesmo o do Monte da Neve en Celanova fan parte dunha gran infraestrutura de produción de enerxía eólica que deixa impactos severos no territorio e levará a enerxía e o beneficio para fóra do país".

A terceira imaxe corresponde ao trazado entre Reboreda e Paradela de Abeleda, o cruce do Limia ao norte da presa, e a continuación en dirección noroeste entre Ponteliñares e Güín. A cuarta imaxe sinala a entrada na perimetral do PE Fontesanta, xa no termo municipal de Bande, entre Trarigo e Carpazás.  

LAT Porqueira 2
A LAT, entre Reboreda e Paradela, sobre a área de concentración parcelaria.
LAT Porqueira 3
A LAT, entre Güín e Ponteliñares, e entrada por Carpazás no perímetro do polígono proxectado por Greenalia en Bande.

O primeiro, desde o PE Lamas de Feás até o PE Fontesanta (tamén de Greenalia), en Bande, ten 15,5 quilómetros e 76 apoios.

 

NOTICIAS A LIMIA | A Liña de Alta Tensión levará 46 torres até cruzar o Limia en...