lunes. 18.05.2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, compareceu no Parlamento de Galicia para presentar o plan de futuro deseñado polo seu departamento para o sector primario galego. Na súa intervención, Gómez desvelou unha serie de iniciativas estratéxicas que abarcan desde a formación especializada e a innovación ata a mobilidade de terras e a ordenación do territorio, pasando polo apoio sectorial e pola remuda xeracional. Un plan ambicioso para consolidar un rural vivo, competitivo e sustentable.

Un dos grandes anuncios da Conselleira foi a creación dunha Rede de espazos de especialización e innovación agraria no seo dos Centros de Formación e Experimentación Agraria (CFEA). Estes espazos terán como obxectivo apoiar, asesorar e ofrecer unha formación agroalimentaria específica orientada a aquelas persoas que queiran dar un paso máis no seu modelo de negocio e aposten pola transformación e o incremento do valor engadido dos seus produtos. En definitiva, formación en todas as fases do proceso para desenvolver produtos agroalimentarios diferenciados e de calidade. As primeiras accións formativas iniciaranse xa en setembro no CFEA Pedro Murias de Ribadeo, con cursos na transformación e valorización de produtos agroecolóxicos e elaboración de queixos. Un exemplo será o curso de elaboración de hummus con Faba de Lourenzá.

Mobilidade de terras, mellora de infraestruturas e desenvolvemento rural

Claves para mellorar o agro galego, María José Gómez subliñou os avances da "Lei de recuperación da terra agraria", que xa propiciou a posta en valor de 10.200 hectáreas. Para fomentar as permutas, en xullo convocarase unha nova orde de axudas a particulares. No eido das infraestruturas rurais, resaltou o o investimento en mellora de camiños rurais, con máis de 6.000 vías actuadas desde 2016 e un novo Plan Camiña Rural con máis de 19 millóns de euros para este ano e o vindeiro.

O plan de Medio Rural seguirá contando co programa Leader como principal ferramenta para o desenvolvemento rural, cun Bono Activa Rural na nova convocatoria, unha medida deseñada especialmente para beneficiar ás persoas traballadoras autónomas. Lembrou que este programa seguirá impulsando o desenvolvemento e a fixación de poboación no rural, como xa o fixo no seu último período de execución coa aprobación de máis de 1.500 proxectos, a consolidación de máis de 4.000 empregos e a creación duns 1.100 novos. 

Aposta decidida pola remuda xeracional

A formación é tamén un eixo fundamental para garantir a remuda xeracional no sector. A conselleira salientou as 406 prazas de novo ingreso nos seis CFEA, que supoñen un incremento do 11% con respecto ao curso actual, e cuxo alumnado presenta un índice de inserción laboral próximo ao 100%. Ademais, hoxe publicarase unha nova convocatoria de axudas á incorporación de mozos e mozas e plans de mellora, dotada con 36 millóns de euros. Reforzando esta iniciativa, o plan de titorización posto en marcha o ano pasado segue acompañando e guiando nos primeiros anos de actividade.

Apoio integral ao sector agrogandeiro

María José Gómez destacou a próxima creación dun Centro Integral de Acollida de Animais de Granxa, dedicado ao seu coidado e acollida temporal. Trátase de dar unha solución áxil, sinxela e ética aos animais afectados por maltrato ou abandono. Así mesmo, avanzou novas liñas de axudas para o sector en xullo, incluíndo un instrumento financeiro para darlle liquidez e unha orde de achegas para equipamentos en común e a inminente posta en marcha da sala de despece do matadoiro móbil. Asemade, puxo en valor as axudas da PAC para produción ecolóxica, cunha dotación de medio millón de euros, e unha convocatoria extraordinaria para a conservación de razas autóctonas, dotada con 300.000 euros e que é compatible coa recente liña de axudas para fomentar a recría nestas razas.

En relación con outros sectores produtivos, a conselleira fixo mención ao viño, e puxo en valor os máis de 10 millóns de euros en axudas, neste 2025, para reestruturación e reconversión dos viñedos, para o apoio á elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e para a promoción do viño galego en mercados internacionais.


Impulso ao sector forestal 

O monte galego, líder na produción de madeira en España cun valor dos terreos forestais que acada os 43.000 millóns de euros, tamén ocupou un lugar central na intervención. Gómez salientou o programa Monte Activo, enmarcado no Plan Forestal de Galicia, que aposta pola sustentabilidade e rendibilidade do sector forestal. Entre os seus obxectivos figuran ademais os de impulsar o desenvolvemento rural, fixar poboación e previr o abandono. Esto tradúcese na convocatoria sostida de diversas liñas de axuda, na sanidade forestal e na promoción de modelos de xestión máis sostibles e rendibles. Puxo como exemplo dos resultados acadados as agrupacións forestais de xestión conxunta ou a recente convocatoria de 1,4 millóns de euros para avanzar na creación de novas entidades con ou sen base territorial.

Medio Rural traza a folla de ruta do agro galego: innovación, formación, remuda e...