viernes. 13.12.2024

O presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Serafín González, impartirá unha charla na sede do CDR O Viso, en Lodoselo, mañá sábado pola tarde (16:00 horas), como parte dunha xornada de divulgación científica sobre a problemática da contaminación das augas na comarca da Limia.


A xornada, organizada polo CDR O Viso en colaboración coa SGHN e da Asociación Vía Vella de Ponte Canedo, empezará pola mañá cunha visita as zonas de Gomareite, Pena Alta e Vilaseca. O punto de encontro para participar nesta ruta é a Estación de Servizo Antela, ás 10:00 horas.


Pola tarde, o escenario da charla e posterior coloquio será o Centro Multiusos (a antiga casa Reitoral) en Lodoselo. En maio pasado, Serafín González xa ofreceu unha conferencia en Lodoselo xunto a Antonio Ferreirós Lama sobre a relación entre o cambio climático e as migracións de aves, tamén despois dunha xornada matinal de avistamento de aves na zona da Lagoa.


O mesmo día que se celebrou aquela charla en Lodoselo apareceu publicado no BOE o novo mapa ministerial das augas afectadas pola contaminación ocasionada polos nitratos e, en especial, polos de orixe agraria. O Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) realizaba así a actualización (cuatrienal) da localización das augas afectadas, na que por vez primeira se sinalaban dous puntos no encoro das Conchas como augas afectadas en encoros, os dous nos termos municipais de Bande e Muíños; e cinco puntos en lugares dos concellos de Sandiás e Xinzo.


Días despois, desde o MEL (Movemento Ecoloxista da Limia), Manuel García reclamaba nunha entrevista no Diario do Limia que as Administracións actuaran “globalmente sobre toda a comarca”. E advertía: “O que teñen que entender todos os sectores, sobre todo os políticos locais e do goberno galego, é que a declaración de augas afectadas é a táboa de salvación para que esta comarca poida ter un futuro económico baseado nunha produción de alimentos de calidade , que respecta e coida un recurso imprescindíbel para a vida a auga, unha auga limpa”.

Cartel xornada sobre contaminación augas SGHN e O Viso

 

AXENDA | Xornada de campo e charla en Lodoselo con Serafín González