viernes. 19.04.2024

Ano tras ano desde o 2014, no caso de Muíños, e desde o 2015, no caso de Bande, o Programa anual de Vixilancia Sanitaria sobre o estado das augas, da Consellería de Sanidade, nas zonas de baño da Corga (Mugueimes, Muíños) e Portoquintela (Bande) indica que as augas teñen unha calidade “excelente”. O último informe, o de 2021, di o mesmo.

Recentemente, pasou no 2019 e tamén no 2021, as análises periódicas de situación en determinados meses de verán lanzaron alertas de nivel 3 (prohibición do baño) ou de nivel 2 (recomendación de non baño). Non pasara nos primeiros meses deste verán. 

Mais o pasado venres, 16 de setembro, a Consellería de Sanidade informa de que tanto A Corga como Portoquintela presentan concentracións de cianobacterias que poden producir “efectos adversos sobre a saúde”. E insta aos concellos de Muíños e Bande a sinalar as zonas de baño con carteis de “recomendación de non baño”.

Alerta da Consellería de Sanidade do pasado 16 de setembro (FILEminimizer)
Alerta da Consellería de Sanidade do pasado 16 de setembro.

Esta alerta de Sanidade chega despois de que o pasado mes de agosto a Asociación de Veciños das Conchas, do concello de Lobeira, presentara unha denuncia diante do Seprona contra o Secretario de Medio Ambiente e contra o Director General del Agua, ambos cargos do MITECO (Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico), contra o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS), contra a Conselleira de Medio Ambiente da Xunta, e contra a empresa Naturgy, propietaria do encoro, pola presenza de ácido sulfhídrico nas augas do encoro das Conchas.

A Consellería de Sanidade informa de que tanto A Corga como Portoquintela presentan concentracións de cianobacterias que poden producir “efectos adversos sobre a saúde”.

A asociación de veciños denuncia “un episodio continuado de contaminación por ácido sulfhídrico nocivo para la salud de las personas que habitan en el pueblo de Las Conchas, además de vulnerar uno de los derechos fundamentales de la Constitución Española como es el disfrute de la propiedad privada”. E lembra que “desde ese año 2011 y en los años siguientes la situación del embalse ha ido empeorando de año en año, e incluso en los últimos años llego al máximo nivel de alerta por cianobacterias, prohibiendo el baño por la Conselleria de Sanidade”.

En efecto, o informe de Sanidade do 2011 cualificaba o estado das augas de baño en Muíños e Bande como “insuficiente” e engadía o seguinte apuntamento: “Recomendación de non bañarse nestas praias por afloramento de cianobacterias”. No 2012 e no 2013 a cualificación anual da calidade foi de “suficiente”. 

Agora, a asociación de veciños considera que estes organismos do Estado son responsábeis “por acción o omisión” dado que non realizaron “ninguna de las acciones de protección a las que están obligados para mejorar la calidad de las aguas del río Limia”.

Non foi esta a única alerta lanzada este ano sobre o estado das augas do encoro das Conchas. O MITECO incluíu por vez primeira As Conchas no mapa de augas afectadas por contaminación por nitratos. En concreto, sinalou dous puntos. Un deles é a praia da Corga. O outro sitúase na cola do encoro, á altura de Güimil, tamén no concello de Muíños. Os outros puntos están repartidos entre Sandiás e Xinzo e afectan tamén á canle da Lagoa de Antela ao Limia.

 

A inclusión no mapa destes puntos supón o inicio dos trámites que deberá realizar o Goberno da Xunta de Galicia para declarar esas áreas como zonas de augas vulnerábeis. O prazo comezou a contar en maio e é de tres anos. Calquera demora suporía unha sanción da Unión Europea. A principios deste mes de setembro, nunha conferencia no marco da feira Alimagro, en Xinzo, un técnico da Junta de Castilla y León explicou publicamente as dificultades do proceso de declaración de zona vulnerábel e animou ás partes implicadas, tanto institucionais como sociais, a “poñerse as pilas”.

MAPA augas contaminadas nitrato. MITECO. Maio 2022. Contaminación A Limia (FILEminimizer)
Mapa dp MITECO que sinala os puntos onde se detectan augas contaminadas, publicado en maio deste ano.

Ao día seguinte, o conselleiro de Medio Rural, José González, anunciou na inauguración oficial da feira que este mesmo mes se faría público o Plan Estratéxico da Limia (PEL), resultado das deliberacións na Mesa da Limia sobre o problema da contaminación e as mudanzas necesarias na actividade agrícola e gandeira na comarca. 

Unha semana despois, no Parlamento galego, José Antonio Armada, voceiro do PP na Comisión de Agricultura e alcalde de Bande entre o 2007 e o 2020, non foi quen de ampliar a información sobre o PEL nin avanzar a data da súa posta en marcha. Armada, na súa etapa como alcalde, asistiu ao progresivo deterioro das augas do encoro. O alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, aínda ten unha perspectiva maior. Leva no cargo desde 1995.

NOTICIAS A LIMIA | As augas das Conchas volven ser ‘non aptas’ para o baño