Sábado. 25.06.2022

“A negra historia da Limia empeza coa desecación da Antela e as destrutivas concentracións parcelarias dos anos noventa do século pasado. Aparece a cuadriculada estrutura agraria que coñecemos hoxe e que permitiu o cambio dunha agricultura e gandaría tradicional para un modelo de produción intensivo baseado na gandaría industrial e nunha agricultura de monocultivo capaz de absorber os excrementos das cada vez máis numerosas explotacións de cebado intensivo”.

Fala Manuel García. Fundador do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia). Agricultor. Que cita ao Diario da Limia nun punto simbólico da chaira. Parece un prado. É a confluencia da canle da Lagoa co río Limia. A auga non se ve. Hai uns días, o Ministerio para la Transición Ecológica do Goberno do Estado publicou o mapa de augas afectadas por contaminación por nitratos, paso definitivo para a declaración da Limia como zona vulnerábel. Un obxectivo do MEL desde que hai 14 anos, no 2008, empezaron a advertir dos efectos dun modelo de agrogandeiro que conducía ao colapso.

Que significa para vostede este lugar?
Até os anos oitenta aquí había unha praia natural. Cando nenos viñamos cazar ras e a bañarnos. Aquí viñan as familias xantar, os país pescaban, as mozas e mozos moceabamos. Hoxe está así, o río, ao redor eran carballeiras.

Hoxe a pista que conduce á beira do río é un paso de tractores cara terras de pasto e explotacións. Nesta mesma veiga, hai unhas semanas o MEL denunciou outro vertido ilegal de xurros. Así foron as cousas. Primeiro secaron, logo cortaron árbores e parcelaron, e finalmente isto encheuse de granxas. Demasiadas. Até que as augas empezaron a supurar... 

“Este novo modelo de intensificación produtiva foi apoiado e híper-subvencionado polo goberno galego en detrimento das pequenas granxas familiares que se eliminaron para sermos un país ‘moderno’... E abofé que conseguiron borrar do mapa aquela ‘atrasada’ cultura labrega, que era sustentábel, respectuosa coa natureza, creadora dunha fermosa paisaxe e fornecedora de alimentos de gran calidade que deu a fama a súas patacas e carne, e que agora se está perdendo por causa da produción intensiva”, di Manuel.

Que pasou para chegarmos este punto?
O que pasou foi que durante máis de tres década houbo unha total permisividade por parte das consellerías e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil diante da instalación de grandes naves de produción intensiva de carne barata. Ignorouse toda normativa, non importaba que se construíran granxas sen gardar as distancias mínimas ás aldeas, ou mesmo en zona inundábel ou sen a necesaria base territorial. As administracións non cambiaron de actitude cando a principios de século xa se sobre-pasou a capacidade de carga gandeira e as augas da Limia deron os primeiros síntomas de non estar sas: os primeiros episodios de cianobacterias nas Conchas, e a eutrofización de ríos e do encoro de Gundín no río Faramontaos.

Abofé que conseguiron borrar do mapa aquela ‘atrasada’ cultura labrega, que era sustentábel, respectuosa coa natureza, creadora dunha fermosa paisaxe e fornecedora de alimentos de gran calidade que deu a fama a súas patacas e carne, e que agora se está perdendo por causa da produción intensiva.”

Manuel García. MEL. Valoración mapa augas afectadas (1) (FILEminimizer)
Canle da Lagoa, á esquerda na imaxe, e o río Limia, á dereita. Confluencia.

Cando deron vostedes, desde o MEL, a primeira voz de alarma?
Foi ao redor do ano 2008, despois de que o ano anterior Coren tivese anunciado a construción do Centro Tecnolóxico Medioambiental da Limia. En teoría, ese centro, ía tratar 100.000 das 600.000 toneladas de xurros que naquel intre se calculaba que xeraban as explotacións porcinas. Estiveron uns anos anos producindo enerxía a base de queimar gas natural e coas primas das renovábeis pero o de tratar xurros, pouco...

Nin tan sequera a hoxe Fiscal de Medio Ambiente, Carmen Eiró, foi quen de aplicar o artigo 325 do Código Penal ante varias denuncias de testemuños directos de actos delituosos.”

Que pasou con todo ese exceso de xurros?
Aparecen en escena os camións cisterna de empresa Aser. Creo que ese camións son a proba evidente de que as explotacións mais grandes non tiñan base territorial dabondo onde utilizar os residuos de forma razoábel como fertilizante. Eses camións ciscaron xurros durante anos por todos os recunchos da Limia e, polo que parece, sen que a Garda Civil tivera ordes de controlalos. Así que cando foron sorprendidos tirando os xurros a cano libre en balsas clandestinas ou directamente no monte, nin tan sequera a hoxe Fiscal de Medio Ambiente, Carmen Eiró, foi quen de aplicar o artigo 325 do Código Penal ante varias denuncias de testemuños directos de actos delituosos.

Manuel García. MEL. Valoración mapa augas afectadas (7) (FILEminimizer)
Manuel García, do Movemento Ecoloxista da Limia.

Que debería pasar agora, despois da publicación do mapa de augas afectadas que inclúe varios puntos na Limia e nas Conchas?
Pois as Administracións terán que actuar globalmente sobre toda a comarca. Non só sobre uns puntos concretos ou sobre o encoro. O que pasa no encoro é consecuencia de que aquí na Limia houbo medio millar de granxas que non xestionaron adecuadamente os residuos. Cando no inverno se producen as inundacións, prodúcese un lavado de toda a auga da Limia e esa merda chega ao encoro. Hoxe, no mes de maio, as augas na Feira Nova irán limpas. Porque a vexetación actúa aquí como filtro.

Por que a evidencia emerxe no verán ou en épocas de moita calor nas Conchas?
Porque se dan as condicións de calor, luminosidade, augas baixas... alí as augas topan unha barreira, e o nitrato, pero sobre todo o fósforo, que é o principal causante das cianobacterias, sedimentan e aparecen na superficie en forma desas algas verdes en canto se dan as condicións. No caso dos nitratos, o peor dos efectos é que se infiltran no solo e provocan a contaminación das augas e, en especial, dos acuíferos de toda a Limia.

Para que serve ese mapa de augas afectadas e a conseguinte declaración de zona vulnerábel?
Será a táboa de salvación da Limia. O que teñen que entender todos os sectores, sobre todo os políticos locais e do goberno galego, é que a declaración de augas afectadas é a táboa de salvación para que esta comarca poida ter un futuro económico baseado nunha produción de alimentos de calidade , que respecta e coida un recurso imprescindíbel para a vida a auga, unha auga limpa.

Manuel García. MEL. Valoración mapa augas afectadas (2) (FILEminimizer)
A canle da Lagoa, cuberta de plantas, antes da confluencia co Limia.

Ven vontade por parte da Xunta, que é quen ten que promover agora esa declaración de zona vulnerábel, de facelo xa?
Moi pouca. A lei dálle tres anos de prazo. Non parece que teñan présa ningunha. Van demoralo todo o que lles sexa posíbel.

Que cre vostede que vai pasar?
Para que se produza unha declaración nun prazo breve o primeiro que tería que acontecer é que certos políticos e representantes sindicais ou de certas asociacións do sector primario deixen de facer declaracións demagóxicas tendentes a fomentar o auto-odio ambiental. E o goberno galego teno fácil, non precisa tres anos para determinar as liñas de actuación na que se terá que basear o Plan de Vulnerabilidade, porque non ten mais que coller o escrito que a Consellería de Medio Rural enviou non hai moito ao Defensor del Pueblo en Madrid. Nese documento se dicía que hai que reducir a carga de gandeira industrial, empezando por unha moratoria á construción e ampliación de  granxas; hai que facer de obrigatorio cumprimento o código de boas prácticas agrícolas; hai que controlar con dispositivos GPS os vehículos que trasladan xurros; hai que construír plantas de tratamento; e hai que orientar a agricultura da comarca cara a técnicas máis respectuosas co entorno. Estamos de acordo con todo iso que propón Medio Rural.

O goberno galego teno fácil, non precisa tres anos para determinar as liñas de actuación. Non ten mais que coller o escrito que a Consellería de Medio Rural enviou non hai moito ao Defensor del Pueblo en Madrid.”

Cales foron os momentos máis duros para vostede nestes tres lustros de loita?
Cando víamos os camións vertendo a cano libre, cando metemos cinco denuncias en Fiscalía e se arquivaron... Foi unha sensación de impotencia. Viña o Seprona e miraba para os camións e dicía que non pasaba nada, que estaban fertilizando. A consellería pasaba olimpicamente de vixiar que as explotación cumprisen a normativa. A Confederación tamén pasaba olimpicamente cando había montóns de merda ciscados a metros da canle ou dos ríos. E a fiscal? Pois ela dixo que lle levásemos probas, matrículas, datos concretos... Fixémolo. Denunciamos unha fosa de vertido enorme no Furriolo. Achegamos probas de seguimentos a camións... Probas, denuncias, máis probas. Todo arquivado.

Manuel García. MEL. Valoración mapa augas afectadas (6) (FILEminimizer)
Manuel García. 

O MEL deu pé a Auga Limpa, en que parou aquilo?
Demos unha charla na Casa da Cultura de Xinzo. Estaba a Sociedade Galega de Historia Natural, estaba unha veciña de Verea e outro rapaz de Bola, eu mesmo e unha pouca xente máis de Xinzo. Ficamos sorprendidos. Había moitisimos veciños preocupada. Intentáronos boicotear o acto. Pero alí naceu a plataforma. Auga Limpa foi determinante para que a Administración galega montase a Mesa da Limia.

O conselleiro de Medio Rural vén moito pola Limia. Fala con gandeiros, con agricultores, con alcaldes... connosco non fala. Ignóranos.”

E como vai a Mesa?
Nós estamos na Mesa. Pero eles fan o que queren. O conselleiro de Medio Rural vén moito pola Limia. Fala con gandeiros, con agricultores, con alcaldes... connosco non fala. Ignóranos. 

Que é o que máis lle preocupa a partir desta publicación dos mapas e da presión que vai haber para que se produza esa declaración de zona vulnerábel?
Que se controle de verdade a contaminación. Os puntos de control están ben. Pero ten que haber máis, e moitas máis medicións. E téñense que controlar os pozos privados. Saber onde se está a consumir auga que pode estar contaminada. Hai que analizar todos os pozos, estean rexistrados ou non.

ENTREVISTA | “A declaración de zona vulnerábel será a táboa de salvación da Limia”
comentarios