miércoles. 24.04.2024

O Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) denuncia que onte luns veciñas e veciños sorprenderon un tractor cunha cisterna vertendo xurros nunhas fincas de propiedade comunal situadas na Veiga de Ponteliñares, en área protexida da Rede Natura, a escasos 30 metros do río Limia e sen ter permiso ningún, dado que a comunidade de montes está inactiva.

Advertidos polas veciñas, membros do MEL reclamaron a presencia da Garda Civil, mais a unidade que se desprazou negouse a solicitar a documentación do tractor e a recoller ningunha denuncia, convidando aos activistas a presentar a súa queixa no cuartel da Garda Civil en Xinzo.

Tampouco un axente medioambiental co que contactaron os ecoloxistas quixo intervir. Desculpouse, segundo informa o MEL, “dicindo que non había nada que facer”. Mais houbo varios veciños que pasaban pola zona que lle protestaron ao tractorista que vertía.

Ao parecer, segundo os activistas, o tractor pertence a unha explotación da Lampaza (Rairiz de Veiga). E o gandeiro estivo buscando esterco de polo compostado noutras granxas co fin de fertilizar as leiras para obter pasto para as vacas. “Xa veu hai un par de días, de noite, dixeron os veciños. E hoxe, raiaron o terreo moi cerca do río e meteron os xurros diante nosa”, din desde o MEL. E achegan varias fotografías nas que o Diario do Limia tapou a matrícula do vehículo.

Desde o MEL tamén se puxeron en contacto coa Consellería de Medio Ambiente e coa empresa Coren. “En Coren identificaron ao gandeiro pola matrícula e aseguráronnos que non ten nada que ver con eles, que é un granxeiro que vai por libre”, informa o MEL. 

Os ecoloxistas lembran que os usos de fertilizantes en Rede Natura están estritamente definidos na normativa. “E xa que a Garda Civil parece descoñecer a lei, imos presentar denuncia directamente diante das consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural”. Non MEL reiteran que o tractor non podía ter permiso ningún das veciñas, “porque xunta veciñal non hai”, nin do comunal, “porque está inactivo”

Tractor con cisterna decargando xurros na Veiga de Ponteliñares. FOTOS MEL (2)
Vertido descuberto por veciñas e denunciado polo MEL.

E subliñan que a normativa é moi precisa. “Sen autorización dos veciños ou da propiedade, neste caso o comunal, a única posibilidade sería un permiso especial desde Medio Ambiente, ou que parcela estivese asociada como base territorial á granxa da que procede o esterco”

O MEL advirte que malia a vontade de moitos granxeiros e da agroindustria de mellorar as prácticas, “non queda un recuncho na Limia, nin comunais, nin zonas de protección natural, libre dos xurros”. Lamentan “a falta de coordinación entre as consellerías para aplicar a normativa e controlar os residuos da gandaría industrial”.

Alertan de que moi preto desde vertido, na Saínza, “todos os pozos sufriron contaminación e as últimas analíticas, de 2021, daban valores por riba de 30 mg/litro de nitratos [o valor de alerta]. Para o MEL, “é unha magoa que a gandaría extensiva, que é unha actividade positiva, na Limia vén moitas veces asociada aos xurros porcinos, provocando contaminación de mananciais e fontes alí onde se asenta”.

NOTICIAS A LIMIA | O MEL denuncia un vertido irregular de xurros este luns na Veiga de...