sábado. 20.04.2024

“Era o segundo consello ao que asistía e o anterior tamén foi virtual. Penso que coa entrada do colectivo ecoloxista conseguimos democratizar un pouco este órgano, pero só un pouco”, conta Nery Díaz, de Ecoloxistas en Acción, unha das dúas representantes ambientalistas no Consello da Auga, onde o pasado xoves se acordou informar favorabelmente o proxecto de plan hidrolóxico para a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), que estará en vigor até o 2027 se supera os trámites ministeriais que agora inicia.


Santiago Fraga, da asociación Ríos con vida, é o outro representante dos ecoloxistas. Os dous votos foron en contra do proxecto. Tamén os de grandes concesionarias como Enel (Endesa) e Iberdrola, segundo explica Nery Díaz, que di que se computaron 47 votos en total, mais ten dúbidas sobre o número de votos que representan as grandes operadoras.


Do Consello da Auga da CHMS fan parte varios ministerios (Transición Ecolóxica, Agricultura Sanidad, Asuntos Exteriores), o Instituto Geológico y Minero de España, departamentos da Xunta de Galicia e da Junta de Castilla y León, alcaldías (entre elas, as de Ourense e Lugo) o Seprona, Telefónica, comunidades de regantes, e pequenas e grandes concesionarias (tamén Naturgy), ademais do SLG e Unións Agrarias.


“O 95% do tempo foi un monólogo por parte da presidencia e dos técnicos da CHMS”, lembra Nery Díaz, a respecto da reunión do xoves. Díaz foi a encargada de poñer sobre a mesa as preocupacións do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), que ten unha suplencia no Consello. 


O MEL critica que o proxecto de plan hidrolóxico 2022-2027 non teña en conta a declaración das augas (subterráneas e superficiais) da Limia como augas afectadas. E lembrou que a propia CHMS dixo que tiña solicitada á Dirección General del Agua (Ministerio de Transición Ecolóxica) esa declaración. 


Os ecoloxistas presentaron alegacións á primeira redacción do plan, que non recollía contaminación ningunha de acuíferos e masas de auga na Limia. Na revisión, a CHMS decidiu incluír só unha masa contaminada, por praguicidas e nitratos, limitando a análise temporal ao ano 2020.

O MEL critica que o proxecto de plan hidrolóxico 2022-2027 non teña en conta a declaración das augas (subterráneas e superficiais) da Limia como augas afectadas.

O MEL tamén cuestionou, a través da intervención de Nery Díaz, as medicións realizadas pola CHMS. Expuxeron os ecoloxistas que coa colaboración de Greenpeace tiñan feito medicións de nitratos “cun dispositivo de campo” en seis puntos de auga para consumo, dúas fontes, unha rede de subministro municipal e tres pozos particulares, “con resultados bastante alarmantes”. O MEL pide que se aumente o número de puntos de toma de mostras. 

Ademais, cuestionaron tamén os datos sobre a carga gandeira que soporta cada masa de auga porque, na súa opinión, “os datos de porcino e avícola están estimados moi por debaixo da realidade”.

Limia en Ponteliñares (3)
O Limia en Ponteliñares.

Outra das queixas dos ecoloxistas é a falta de información necesaria para avaliar os datos sobre os que se sustenta o plan hidrolóxico. “Noutras concas non sucede así, o normal é que acheguen a cartografía xunto con todos os datos, porque a cartografía é máis sinxela de analizar”, din fontes de Adega, que tamén exixiu nas súas alegacións a base metodolóxica para definir as distintas masas de auga así como o lapso temporal que se considerara para avaliar a posíbel contaminación.

“Como resposta, o presidente dirixiuse a nós para dicir que, tras telo consultado coa Dirección General, o prazo para termos a cartografía será dun mes, case inmediato, puntualizou”, lembra Nery Díaz.

O MEL cuestiona tamén os datos sobre a carga gandeira que soporta cada masa de auga porque, na súa opinión, “os datos de porcino e avícola están estimados moi por debaixo da realidade”.

“Cando analizas o plan, dá a impresión que nas augas da Limia non hai problema ningún. Nós alegamos á primeira redacción porque alí non se consideraba problema ningún. Agora admiten que unha das masas nas que dividiron as augas está contaminada, pero seguen ignorando o que a propia CHMS pediu: a declaración da augas afectadas”, resume Manuel García, labrego de Rairiz de Veiga e membro do MEL. 

“Ignoran ademais o problema da eutrofización do encoro da Conchas e que na Limia a maioría dos pozos e as augas superficiais están cargadas de nitratos”, subliña García.   

Limia en Ponteliñares (4)
Estación de control do Limia en Ponteliñares.

Os caudais e as zonas de protección

Desde Adega, inciden noutras dúas críticas ao plan hidrolóxico que afectan a toda a cunca, incluída A Limia. Por unha banda, están os caudais mínimos que establece o plan. “Quédanse no percentil 5, cando na maioría dos plans de conca do Estado sitúanse entre o 5 e o 15. Mesmo Augas de Galicia establece o percentil 15”, din fontes de Adega.

E remarcan: “A proposta de caudais mínimos ten que ter en conta o hábitat, as especies... Precísanse estudos de todo o que vai quedar afectado por esa decisión”.

Por outra banda, desde Adega consideran que as figuras de protección son medidas que fican no papel. “Hai un anexo amplo con figuras e zonas de protección, pero que se fai por exemplo para protexer o perímetro das captacións subterráneas? Nós fixemos propostas, que se prohiba plantar eucaliptos, e outras. Desestimáronas”

A participación pública non se pode limitar a dar información. Todo o proceso deixou moito que desexar”, din desde Adega.

Adega alude tamén á Directiva Marco da Auga, que no Estado desenvolve unha guía elaborada pola Dirección General del Agua. E considera que “un estudo das masas de auga tense que levar a cabo durante anos, e neste caso os datos limítanse ao 2020”

Por último, a fonte sinala eivas no proceso de participación. “Estamos defraudadas. A participación pública non se pode limitar a dar información. E aquí non cumpriron nin sequera ese primeiro chanzo. Adega pediu datos sobre as masas de augas entre 2016 e 2020 e o arquivo que enviaron viña baleiro... Puido ser un erro, si. Pero todo o proceso deixou moito que desexar”.

Nery Díaz, despois da experiencia na reunión telemática do Consello da Auga, comparte a mesma impresión sobre o procedemento. Ao final, conseguiu que na acta se incorporasen as queixas do MEL, así como un artigo de Serafín González, o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) publicado en marzo en Tempos Novos

NOTICIAS A LIMIA | Por que os ecoloxistas rexeitan o plan hidrolóxico?