viernes. 04.10.2024

A asociación ecoloxista Petón do Lobo fixo público este sábado un escrito para solicitar diante da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, dependente da Consellería de Medio Ambiente, a prohibición da caza na lagoa de Antela e a súa exclusión da resolución anual de caza para os anos 2022 e 2023. O escrito está dispoñíbel na web da asociación ecoloxista e fai parte dunha campaña de concienciación ambiental, que animan colectivos como o Movemento Ecoloxista da Limia, Ecoloxistas en Acción e Cova Crea, entre outros. 


“A prohibición está xustificada na necesidade da protección das zonas de especial protección para as aves (ZEPA) e o perigo que existe para as especies en perigo de extinción para as que arestora si está prohibida a súa caza e a necesaria coherencia da Rede Natura 2000”, sosteñen os ecoloxistas.


Desde Petón do Lobo, lembran que unha ZEPA é unha categoría de área protexida catalogada polos estados membros da Unión Europea como “zonas naturais de singular relevancia para a conservación da avifauna ameazada de extinción”, de acordo co establecido na directiva comunitaria 79/409/CEE e modificacións subseguintes (como a Directiva sobre a Conservación de Aves Silvestres. 


En concreto, poñen o foco en dúas especies, e denuncian que a “Xunta de Galicia autoriza a caza do paspallás (Coturnix coturnix) e pombo torcaz na Lagoa de Antela”. “A poboación do paspallás nin é residual nin resulta acreditado que non implique danos a esta ou a outras poboacións para as que si está prohibida a caza”, din os ecoloxistas. 


Ademais, aluden ao problema do “uso do chumbo nos humidais”, que no caso de Galicia, din é “particularmente grave”, se temos en conta que no Inventario de humidais de Galicia “só están recollidos os que gozan da protección do Convenio Ramsar, deixando aos que están fóra da Rede Natura 2000 totalmente desprotexidos".


Polo tanto, conclúen, para garantir a conservación das aves en perigo de extinción que habitan nos humidais como a Lagoa de Antela “é preciso prohibir calquera tipo de caza nestes espazos”.

NOTICIAS DA LIMIA | Ecoloxistas piden a prohibición da caza na Lagoa de Antela