O primeiro que apareceu a exposición pública foi a Liña de Alta Tensión (LAT) entre dous polígonos eólicos en trámites ocultos á cidadanía. Foi o 4 de agosto. As plataformas veciñais deron en denominar o proxecto como LAT do Xurés, xa que invadía a Reserva da Biosfera, pasando desde os montes da Boullosa en Baltar cara a Calvos de Randín e, finalmente, Mugueimes.
A LAT do Xurés partía do polígono Tramontana, conectaba co de Mistral, ambos nese trámite oculto, e percorría 27 quilómetros até a subestación do Salas en Mugueimes. O tendido estaba promovido por unha sociedade que tiña o mesmo nome que un dos polígonos eólicos: PE Mistral 4W (four winds, catro ventos).
Agora, cinco meses e medio despois, o documento da LAT do Xurés queda invalidado polo que supón un cambio na localización dos dous polígonos eólicos aos que ía dar servizo. Iso denuncia este martes a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova quen, xunto con Petón do Lobo, mantén a contestación social a estas infraestruturas desde a raia até o Arnoia.
Situación de Mistral (puntos azuis) e Tramontana (puntos amarelos) na contorna da Boullosa, segundo o estudo ambiental do PE San Martiño (puntos vermellos grandes) presentado en setembro pasado. Á dereira na páxina, con puntos morados, os aeros do PE Larouco, en funcionamento.
Agora, os parques de Mistral e de Tramontana xa non aparecen nos mesmos montes da Boullosa, senón cinco ou seis quilómetros mais ao leste. E tal e como informara hai meses o xornal portugués Publico a empresa PE Mistral 4W ten unha xemelga, PE Tramontana 4W. Cada unha promove un dos polígonos, pero están dirixidas polos mesmos administradores, foron creadas o mesmo día e cun capital social de 3.000 euros.
Os parques de Mistral e Tramontana, segundo unha actualización do Rexistro Eólico de Galicia que a plataforma anti-eólicos asegura que se produciu nas “48 horas seguintes de se pechar o prazo de alegacións á LAT do Larouco e de que a corporación enerxética Iberdrola anunciase que se sentará nunha mesa coas veciñas e veciños do concello de Baltar”, están noutro sitio.
Mentres, a LAT do Larouco, ese tendido de 11 quilómetros en proxecto sobre a faldra norte da serra entre Baltar e Xinzo que levantou aos do parapente e a continuación a ducias de veciñas e veciños de que ven ameazados os valores do Larouco (tranquilidade, beleza, ocio) que definiu un estudo académico presentado estes días como parte das alegacións á infraestrutura, será obxecto de debate esta semana nunha reunión entre a promotora, Iberdrola, e a veciñanza que se rebelou. Tamén estará o alcalde, José Antonio Feijoo (PP), que a día de hoxe se opón a LAT... e algo menos ao polígono que fai necesario o tendido, o polígono de San Martiño.
Os círculos representan os aeros (o punto gris sería a subestación) do proxecto Mistral na actual localización, superposto ao PE San Martiño (puntos verdes) como antes o estaba o proxecto Tramontana. | Imaxe: Rexistro Eólico de Galicia
O que denuncian hoxe as activistas de Stop Eólicos Xurés Celanova é que o movemento de proxectos no mapa, os novos enclaves, é “unha nova burla á cidadanía, un novo obstáculo para o exercicio dun dereito de participación pública que vemos que non existe”. Din que os proxectos que pasaron polo trámite de exposición pública -a LAT do Xurés, a LAT do Larouco e o PE San Martiño- deben ser revisados. Os impactos e as sinerxias avaliadas nos estudos xa non serían as mesmas.
Os círculos representan os aeros (o punto gris sería a subestación) do proxecto Tramontana na actual localización, cinco quilómetros ao leste de onde estaba hai unha semana. | Imaxe: Rexistro Eólico de Galicia
A plataforma ve, ademais, manobras escuras en medio da falta de información que envolve os procedementos implantados pola Xunta. Advirten que “o novo enclave de Tramontana constitúe, na práctica, unha ampliación da central de Iberdrola no Larouco. É dicir, o Larouco sumaría oito máquinas máis ás corenta e nove actuais: 57”.
E alertan sobre a posibilidade de que exista algún tipo de vinculo ou interese compartido entre esas pequenas promotoras -“como pode a Xunta conceder dereitos sobre desenvolvementos eólicos a empresas cun capital social de só 3.000 euros?”, se preguntan- e a multinacional vasca.