Venres. 29.03.2024

José Antonio Feijoo, alcalde de Baltar desde 2007 e antes alcalde de Xinzo de Limia durante dous anos, asegurou onte ao Diario do Limia descoñecer o proxecto de Iberdrola para construír a Liña de Alta Tensión (LAT) que saíu a exposición pública o pasado 26 de novembro de 2021. 41 días despois de que no DOG se publicase o acordo polo que se someten a información pública o estudo de impacto ambiental e o proxecto de execución da liña entre o polígono eólico de San Martiño (en trámite), enclavado en Baltar, e a subestación do Larouco, emprazada en Xinzo, o alcalde manifestou pola mañá que non tiña constancia do trazado.


"Eu lin algo ao respecto da oposición dos clubs e das federacións de parapente, e a miña postura é claramente de defensa do parapete. Nós non temos coñecemento dese proxecto de liña de alta tensión. Fixen unhas chamadas e dinme que non temos constancia oficial desa liña. Temos coñecemento dunhas iniciativas eólicas, e falando coas empresas dinnos que sempre tiveron en conta o do parapente", declarou Feijoo pouco despois do mediodía en conversa telefónica con este medio.

Separata do Proxecto de Execución da LAT do Larouco con información para o Concello de Baltar (FILEminimizer)Separata con información para o Concello de Baltar, no proxecto de execución a exposición pública.

O Proxecto de Execución da LAT do Larouco inclúe unha separata con información específica para o Concello de Baltar [ver imaxe arriba]. A separata é un documento de 58 páxinas e comeza dicindo: “El presente documento se redacta con objeto de informar al Ayuntamiento de Baltar, sobre la descripción y justificación de la futura construcción de la línea eléctrica 132 kV San Martiño – Subestación Larouco, la cual, tiene afección sobre dicho término municipal”. Ese documento ten data do 8 de agosto, e é público desde o 26 de novembro.

Horas máis tarde, desde o Club de Parapente de Baltar confirmaron que o alcalde se tiña posto en contacto coa entidade para lles anunciar que o goberno municipal de Baltar ía presentar alegacións ao proxecto da LAT do Larouco.

Publicación no DOG do 26 de novembro no taboleiro de anuncios de Xinzo (FILEminimizer)Anuncio do DOG, no taboleiro do Concello de Xinzo, onte. | FOTO: Diario do Limia.

O Concello de Baltar, como o de Xinzo de Limia, en canto o seu territorio está afectado pola infraestrutura, ten a obriga de dar publicidade ao acordo da Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía, publicado no DOG do venres 26 de novembro. Onte, na Casa do Concello de Xinzo, o documento en papel estaba pendurado no taboleiro de anuncios. [ver imaxe arriba].


O proxecto da LAT do Larouco recibiu contestación por parte das federacións galega, española e portuguesa de parapente. Tamén está sendo contestado desde colectivos ecoloxistas, como Petón do Lobo, que elaborou alegación específicas ao proxecto, e a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, que xa alegou ao plan do polígono industrial San Martiño, na Boullosa, tamén en trámites, cun perímetro de afección que se sitúa a menos dun quilómetro do Parque Natural do Xurés e prevé instalar aeroxeradores moi próximos de aldeas portuguesas e galegas.  

NOTICIAS A LIMIA | O alcalde de Baltar descoñecía o proxecto da LAT do Larouco...