viernes. 13.12.2024

“O PSdeG-PSOE denuncia os 'remendos' aplicados ata o de agora nas Conchas e na contorna deste encoro e celebra o paso dado polo actual Goberno central, ao incluír esta zona nos últimos análises e mapas sobre augas afectadas por contaminación por nitratos, paso previo e necesario para a súa declaración como zona vulnerable, o que permitirá adoptar medidas por parte da Xunta de Galicia e da Administración Xeral do Estado, co fin de solucionar a toxicidade”, din os socialistas ourensáns nun comunicado de prensa publicado este xoves despois dunha visita a Muíños e Bande do secretario provincial, Rafa Villarino; as deputadas provinciais Marga Pérez, Susana Rodríguez e Elvira Lama, e os deputados, Nacho Gómez e Diego Fernández.


“A pesar do importante valor paisaxístico e natural, a ocultación deliberada por parte dos responsables autonómicos e a deixadez institucional global, provocaron unha desfeita medioambiental en poucas décadas”, sinalaron os deputados e deputadas logo de comprobar “in situ” unha contaminación que aflora “descontrolada” na auga. 


“Nós apostamos por unha solución sostible e compatible coa actividade agraria”, incidiu Rafael Villarino antes de recordar que “fronte a unha Xunta que só pon paus nas rodas, o actual Goberno central buscou solucións amplas, adecuadas e compatibles coa recuperación do medio natural e coa economía da comarca”.

Os e as socialistas, subliña o comunicado, recordan o papel que tamén ten administración autonómica ante este grave problema. “Cataluña e Galicia eran dúas das zonas con maiores problemas de contaminación de masas de auga entre 2016 a 2019, mais a Xunta aínda non fixo nada para comezar a solucionalo”, denunciaron tras recordar que, logo dos pasos normativos e orzamentarios dados polo Goberno central nos últimos anos, agora tamén debe actuar o executivo galego.

Os socialistas sinalan que o Consello de Ministros aprobou neste 2022 o real decreto sobre contaminación por nitratos, unha norma clave para reducir este tipo de contaminación, alcanzando así os obxectivos ambientais sinalados pola lexislación nacional e pola Unión Europea. Esta regulación obriga a identificar e vixiar as augas afectadas e establece criterios para designar zonas vulnerables, co fin de pór en marcha programas de actuación coordinados coas actividades agrarias.

“Cataluña e Galicia eran dúas das zonas con maiores problemas de contaminación de masas de auga entre 2016 a 2019, mais a Xunta aínda non fixo nada para comezar a solucionalo”


“Grazas a regulación aprobada polo executivo de Pedro Sánchez, superouse un problema de indefinición destas zonas contaminadas, que se arrastraba desde a incompleta declaración do ano 2011, unha decisión que deixou zonas como as Conchas nun limbo”, recordaron os e as socialistas ourensáns. “Tamén se clarexaron as dúbidas competenciais”, advertiron. “Os traballos xa executados e os investimentos económicos previstos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico durante as últimas dúas lexislaturas, permitirán darlle un sólido pulo á mellora medioambiental desta zona de alto valor ecolóxico da nosa provincia”, concluíron.

NOTICIAS A LIMIA | Deputados e concelleiros socialistas alertan sobre o “preocupante...