O mércores 26 de xaneiro, hai unha semana, o alcalde de Vilar de Barrio, o nacionalista Manuel Conde, reuniuse cos titulares de explotacións agrarias. “Viñeron case todos os pataqueiros e os gandeiros con granxas en intensivo e extensivo. Explicámoslles que se quere declarar a Limia como zona vulnerábel por contaminación de nitratos”, conta.
Nesa xuntanza, continúa o alcalde, “todos os alí presentes valoramos positivamente que se adopten medidas para evitar a contaminación das augas tanto superficiais como subterráneas”. Despois, decidiron que se encargará un estudo das prácticas de xestión de residuos que se realizan nas explotacións de Vilar de Santos.
“Demostrarase que as prácticas destas explotacións responden aos parámetros que podiamos chamar ecoloxistas ou verdes”, avanza Manuel Conde.
Con ese estudo na man, o alcalde e os produtores recorrerán ao conselleiro de Medio Rural, a quen xa solicitaron unha entrevista, para que “no caso de que a comarca da Limia sexa declarada zona vulnerábel, se considere a Vilar de Barrio como unha zona sa; é dicir, que non se adopten as mesmas medidas tendo en conta que somos unha zona perimetral cunhas prácticas agrícolas e gandeiras distintas”.
Na semana na que se fixo pública a iniciativa parlamentaria do BNG, a formación á que pertence Conde, solicitando medidas urxentes para a Limia, entre elas, unha moratoria á instalación de novas granxas na comarca, o alcalde de Vilar de Barrio asume que “a moratoria é unha demanda lóxica”.
E di: “o sector ten que estar informado para, se están facendo algo mal, mudar esas prácticas; mais o que non se pode facer nunha comarca como a nosa é, en aras á ecoloxía, facer restricións que supoñan unha rebaixa da capacidade produtiva. Hai que analizar casuísticas”.
O 25% do territorio de Vilar de Barrio está na Limia, catro parroquias, lembra Conde, e insiste, “tanto os pataqueiros como os titulares de explotación de vacún e de granxas teñen prácticas diferenciadas das que son o uso no resto da comarca”. A súa convicción está baseada tamén no Atlas Nacional de la Mortalidad en España de 2020.
As explotacións desas catro parroquias no noso concello non seguen prácticas que deriven na expulsión excesiva de nitratos á terra e, polo tanto, non ten ningún sentido que declaren a Vilar de Barrio zona vulnerábel por contaminación, se acaso, que nos declaren zona permitira a unha zona vulnerábel" (Manuel Conde)
Conde lembra que, segundo ese índice, “a calidade de vida no concello de Vilar de Barrio é óptima, e na comarca esta cualificación só se repite en Calvos e Trasmiras”. O mapa do estudo pode consultarse nunha publicación xornalística en El País e na referencia que achega o artigo á Fundación para el Fomento de la Investigación Sanitaria y Biomédica de la Comunidad Valenciana.
“As explotacións desas catro parroquias no noso concello non seguen prácticas que deriven na expulsión excesiva de nitratos á terra e, polo tanto, non ten ningún sentido que declaren a Vilar de Barrio zona vulnerábel por contaminación, se acaso, que nos declaren zona permitira a unha zona vulnerábel. Por iso queremos adiantarnos e pedimos esa reunión co conselleiro”, conclúe Manuel Conde.
Segundo a Directiva Directiva 91/676/CEE, declararanse como zonas afectadas as aguas subterráneas ou superficiais "que superen, ou poidan chegar a superar, unha concentración de nitratos de 50 mg/l, e os encoros que se atopen, ou poidan chegar a estar, en estado de eutrofización". Así, as superficies de terreo cuxa filtración poida influír no estado desas augas afectadas, designaranse como zonas vulnerábeis. Neste sentido, hai peticións no Congreso de Unidas Podemos e denuncias de grupos ecoloxistas, como o MEL (Movemento Ecoloxista da Limia) diante da Valedora do Pobo.