martes. 08.10.2024

A Xunta de Galicia e o Goberno do Estado compiten este días en promesas de investimentos millonarios na comarca da Limia. O luns, durante unha reunión en Ourense con alcaldes, José González, o conselleiro de Medio Rural, anunciou que o Executivo galego destinará 16 millóns para "modernizar" o regadío e 4 máis para construír pozos. Onte, José Miñones, o Delegado do Goberno, durante unha reunión na Coruña co propio conselleiro e con regantes, dixo que serán 19 millóns para o regadío, con cargo á Fase II do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

É o mesmo investimento, o que avanzou Medio Rural o luns e o que concretou o Delegado do Goberno, acompañado polo presidente da Sociedade Mercantil Estatal de Infraestruturas Agrarias (Seiasa), onte. Máis tamén diferiron nas partidas que se destinarán á limpeza de canles e camiños. José Miñones comprometeu 12 millóns de euros que o Ministerio de Agricultura achegará para a limpeza. O día anterior, González, falara dunha achega do Goberno central de 16 millóns para estas tarefas.

A poxa trasladouse onte aos medios de comunicación a través de dúas notas de prensa emitidas a primeira hora da tarde, despois de que no Parlamento galego tivese lugar outro debate sobre a cuestión da contaminación na Limia no que o PP e o BNG non chegaron a un acordo sobre que medidas tomar.

No seu comunicado, a Delegación do Goberno en Galicia informa dun "orzamento aproximado de 15,9 millóns de euros (IVE non incluído) e afecta as comunidades de regantes de Lamas-Ganade, Alta Limia,  Corno  do Monte e San Salvador de  Sabucedo. O seu obxectivo é a mellora da  eficiencia hídrica e enerxética destes regadíos (...) en concordancia  cos requirimentos para a aplicación dos fondos europeos Next Generation"

Ademais, a Delegación subliñou "o esforzo inversor" do Estado ao engadir que o Ministerio de Agricultura "aportará 12 millóns de euros máis, para a limpeza das canles de A Limia e dos camiños, co obxectivo de mellorar a xestión e reducir a afección medioambiental"

Pola súa parte, a Consellería de Medio Rural informou que os fondos suman "arredor de 36 millóns de euros que está previsto levar a cabo por parte da Xunta e o Estado na bisbarra, uns fondos que foron conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte do Goberno galego".

E distribuíu as diferentes partidas do seguinte xeito: "Destes fondos, uns 16 millóns serán para modernizar o regadío, preto de catro -aportados pola Xunta- para a construción dos devanditos pozos e os 16 restantes foron xestionados pola Consellería perante Madrid para a limpeza das canles e dos camiños paralelos".

Os cartos comprometidos serán 15,9 millóns para o regadío e 12 millóns para limpeza, segundo Miñones; mentres a Xunta achegará "uns catro millóns" para os pozos, segundo González, quen ademais pediu “medidas extraordinarias ante situacións extraordinarias, como é a invasión rusa de Ucraína". Total (a día de hoxe), uns 32 millóns.
 

NOTICIAS A LIMIA | Xunta e Estado compiten nas mesmas promesas de investimentos na Limia