Xoves. 28.03.2024

A publicación por parte do Ministerio para a Transición Ecológica dos mapas de augas afectadas é o primeiro paso para a declaración da Limia como zona vulnerábel á contaminación por nitratos. Un paso necesario, mais non definitivo.

Agora, a declaración depende da Xunta de Galicia, que aínda non se pronunciou (publicamente) sobre cales son as súas intencións: se axilizar os prazos ou adiar a declaración durante tres anos máis, o que permite a lei en vigor. 

“Danos a sensación de que chegamos un pouco tarde e, mentres, andan pasando a pelota dunha Administración a outra sen se coordinar”, di Montse Valencia, portavoz de Ecoloxistas en Acción. 

“Era esperado que coa modificación da normativa na que se rebaixaron os niveis dos indicadores había zonas que ían a aparecer como vulnerábeis coa nova normativa”, comenta Maite Joga, a presidenta de ADEGAL (Asociación de Gandeiros e Agricultores da Limia).

Desde a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, o presidente do organismo de conca, explica ao Diario do Limia: “Para nós esta publicación supón un feito positivo. Xa no 2019 decidimos elevar a petición de incluír A Limia no mapa de augas afectadas por nitratos”

E matiza o significado dos sete puntos que aparecen sinalados no mapa: “Aínda que hai unha amplitude considerábel no rango da contaminación entre os que teñen secuencias moi contrastadas como son o acuífero da Limia e o encoro das Conchas, e outros que nalgún momento rexistraron episodios de contaminación, os puntos que aparecen son puntos nos que se toman mostras de control pero implica unha contaminación nunha área máis ampla”.

“Isto vai moi lento, aínda non sabemos nada, e xa non digo algo en firme, pero polo menos cun determinado rigor”, lamenta a representante de ADEGAL. “Se hoxe, despois de que saíu publicado o mapa, vén un asociado de San Pedro de Laroá e nos pregunta se vai poder seguir sementando patacas, ou se vai ter limitacións ao cultivo... Pois son cousas que aínda non teñen resposta. O que pedimos é que se nos dea algunha información, aínda que sexa liñas xerais, de como vai afectar isto á actividade gandeira e agrícola”

María Teresa JOGA Martínez. Presidenta de ADEGAL. Xinzo. Gandaría. Agricultura (1)
María Teresa Joga Martínez, presidenta de ADEGAL.

“O que pedimos é que se nos dea algunha información, aínda que sexa liñas xerais, de como vai afectar isto á actividade gandeira e agrícola” (Maite Joga)

“O que cómpre agora é saber como van traballar as Administración para, primeiro, emitir esa declaración de zona vulnerábel á contaminación por nitrato, e, segundo, como se van limitar certas prácticas agrícolas e gandeiras que consideramos abusivas”, reclama Montse Valencia, de Ecoloxistas en Acción. 

E pregúntase: “Cal é o cronograma das Administración galega e estatal, da Xunta e da CHMS, para a elaboración do programa de actuacións? E que vai contemplar ese programa de actuación nunha zona vulnerábel? Será un proceso participado? Quedará reducido aos despachos?”.

Valencia cuestiona algunhas das solucións que se veñen anunciando, como o Plan Estratéxico da Limia, “do que non se sabe nada”, como doutras en marcha, como o novo Plan Hidrolóxico de conca, “no que non se contemplaban actuacións de alcance sobre as augas da Limia”.

Montse Valencia
Montse Valencia, de Ecoloxistas en Acción.

“Cal é o programa de actuacións da Xunta e da CHMS? Que vai contemplar ese programa de actuación nunha zona vulnerábel? Será un proceso participado? Quedará reducido aos despachos?” (Montse Valencia)

ADEGAL, lembra Maite Joga, xa fixo algunha proposta concreta. “Pedimos á Xunta a modificación urxente do Código de Boas Prácticas Agrarias, unha norma que está obsoleta. Pedimos unha normativa clara. Saber que condutas son susceptíbeis de sanción. A norma non pode quedar aberta a interpretacións. Pensamos que é o momento en que a Administración debe empezar a falar claramente e a concretar algunhas das medidas que pensa adoptar”.

E di que estas primeiras medidas poderían servir para “aliviar xa a situación que temos”. Joga espera a próxima convocatoria da Mesa da Limia e coñecer o Plan Estratéxico. A Consellería de Medio Rural mantivo reunións técnicas nestas últimas semanas con gandeiros e agricultores, mais non citou a ningún outro actor. 

José Antonio Quiroga, presidente CHMS no seu despacho (5) (FILEminimizer)
José Antonio Quiroga, presidente CHMS no seu despacho. FOTO: Noelia Caseiro.

“A nivel práctico, a consecuencia básica da publicación deste mapa é que se proceda á declaración de zona vulnerábel, declaración que leva implícita a posta en marcha das boas prácticas agropecuarias” (José Antonio Quiroga)

“A nivel práctico, a consecuencia básica da publicación deste mapa é que se proceda á declaración de zona vulnerábel, declaración que leva implícita a posta en marcha das boas prácticas agropecuarias e as actuacións consecuentes nas distintas actividades do sector primario, en particular sobre as granxas intensivas e tamén algún tipo de cultivo”, explica José Antonio Quiroga.

O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil móstrase disposto a cooperar coa Xunta para que o proceso avance. “Desde o noso punto de vista o ideal sería ter a máxima coordinación posíbel entre as distintas administracións”, asegura.

“Seguiremos pedindo avances reais, porque nin desde a Xunta nin desde a CHMS se ten feito nada para impedir que se sigan ampliando granxas industriais. Parece unha burla andar dicindo que se vai declarar a zona como vulnerábel polos nitratos mentres se seguen a conceder licencias de ampliación a este tipo de explotacións”, protesta Montse Valencia.
 

NOTICIAS A LIMIA | Produtores e ecoloxistas urxen accións e explicacións sobre o futuro...