martes. 08.10.2024

Nun escrito dirixido ao Ministerio para la Transición Ecológica e a todos os organismos de conca competentes na Limia, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) reclama que non se concedan novos aproveitamentos de augas na cabeceira do sistema Limia agás para abastecemento de poboacións, e que se revisen todas as concesións existentes, coa mesma excepción, “para adecualas á realidade hidrolóxica e garantir o cumprimento dos caudais ecolóxicos e os caudais xeradores establecidos no plan hidrolóxico” en vigor.

Unha semana despois de que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil informase favorabelmente do proxecto de plan hidrolóxico para o período 2022-2027, no que se rebaixan os niveis esixíbeis, o colectivo científico solicita que “se empregue o percentil do 10% para definir os caudais ecolóxicos mínimos, como valor intermedio entre os admitidos pola Instrución de Planificación Hidrolóxica (5-15%) e como valor salomónico de consenso entre as demandas consuntivas e as demandas ambientais”

E engade unha condición: “Sexa cal for o percentil escollido, o intervalo temporal de cálculo do percentil debería ser o mesmo que o intervalo temporal de aplicación do caudal ecolóxico”.

A Sociedade Galega de Historia Natural denuncia que, na actualidade, os caudais mínimos ecolóxicos “son tan baixos que incumpren o establecido na Instrución para a Planificación Hidrolóxica”. E sostén que, segundo os datos oficiais dos últimos dez anos, nun de cada tres días incumpriuse o caudal ecolóxico mínimo (1.172 días), e que se incumpriu durante máis de tres meses consecutivos nos anos 2013, 2014, 2016, 2019 e 2020.

Na súa análise alerta dun “colapso hidrolóxico crónico” e denuncia que o caudal circulante chegou a caer até cifras dez veces menores que o caudal ecolóxico mínimo, e tamén que os caudais máximos “apenas acadaron a metade do caudal xerador”, aquel que “regula a estrutura xeomorfológica das canles, evitando o seu progresivo estreitamento e colonización”.

Segundo os datos oficiais dos últimos dez anos, nun de cada tres días incumpriuse o caudal ecolóxico mínimo (1.172 días), e que se incumpriu durante máis de tres meses consecutivos nos anos 2013, 2014, 2016, 2019 e 2020.

Cegoñas Laroá (14)
Cegoñas na Limia. 

Augas subterráneas e zonas protexidas

Desde a Sociedade Galega de Historia Natural, un dos colectivos científicos máis implicados na denuncia da contaminación das augas da Limia, advirten que non se están a cumprir nin a Lei de Augas nin o Plan Hidrolóxico de bacía en canto ao protocolo de actuación para as situacións de pre-alerta, alerta e emerxencia.

Ademais, solicitan que se apliquen as directrices da Comisión Europea na conservación da masa de auga subterránea “para conseguir os obxectivos de calidade ecolóxica para a auga superficial asociada para evitar calquera diminución significativa no estado ecolóxico de tales augas, e calquera dano significativo aos ecosistemas terrestres asociados”.

“O colapso hidrolóxico crónico na cabeceira do sistema Limia é especialmente preocupante polas súas graves afeccións aos valores ambientais (flora, fauna, paisaxe) dos espazos naturais da bacía do Limia”, din desde a SGH.

Tamén, reclaman “as medidas necesarias para garantir a conservación, e no seu caso recuperación, dos valores ambientais que motivaron a declaración dos espazos naturais na cabeceira do sistema Limia”: a ZEPA da Limia e a súa Zona Periférica de Protección Veigas de Ponteliñares, a Reserva da Biosfera Área de Allariz e a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.

E insisten en que son necesarias medidas para garantir a conservación, “e no seu caso recuperación”, das especies de flora e fauna presentes na cabeceira do sistema Limia incluídas nos Catálogos Galego e Español de Especies Ameazadas.

E conclúen que “o colapso hidrolóxico crónico na cabeceira do sistema Limia é especialmente preocupante polas súas graves afeccións aos valores ambientais (flora, fauna, paisaxe) dos espazos naturais da bacía do Limia” amparados nas figuras de protección. 
 

A SGHN reclama que non se concedan novos aproveitamentos de auga na cabeceira do Limia