jueves. 25.04.2024

Xosé Luís Rivas (Begonte, 1951) é o portavoz do BNG na Comisión 7.ª do Parlamento, na que durante as últimas semanas vén sendo protagonista a problemática do sector primario da Limia. A última vez, este mesmo mércores, cunha iniciativa do PP para ir dando a coñecer (sen explicar practicamente nada, o Plan Estratéxico da Limia). Días antes, Xosé Luís Rivas reuniuse en Vilar de Santos con gandeiros e agricultores para explicar o que el sabe sobre esta e outras cuestións e fixar a posición das nacionalistas na comarca a respecto da ameaza de declaración de zona vulnerábel debido á contaminación das augas por nitratos.

Naquel acto, vostede chamou aos gandeiros e agricultores a esixir información e que lle conten, desde a Xunta, cales son as solucións. Como topou esta xente de ánimo?
Eu creo que están desconcertados. Están oíndo informacións moi por riba, sen baixar ao miúdo e explicar de que se trata. Escoitan opinións que parecen ser ataques á Limia e aos produtores e non son... Eu creo que necesitan información.

Quen ten que proporcionar esa información?
Pois a Consellería de Medio Rural. Xa tería que telo feito no 2019 cando se constituíu a Mesa da Limia e ficou claro para todos que na Limia había un problema de contaminación. Daquela fixérase unha diagnose da situación moi ben feita. E de aí saíu ese Plan Estratéxico que parece que empezaron a mover esta semana. Nós sabiamos que ese plan estaba feito e que estaba durmindo nun caixón.

O BNG non tivo acceso a ese plan?
Non. Hai información que por transparencia se nos ten que dar e 30 días e se nos nega durante ano e pico. É inútil pedir nada. Simplemente, tíñano nun caixón. 

Volvendo á diagnose, que é o único que se coñece. O BNG di que é correcta e que só falta poñer medidas que empecen a corrixir eses problemas.
Nós pensamos que esa diagnose foi feita por xente que sabe, xente que está involucrada, xente que sofre o problema... pensamos que é correcta, si. E que hai que facer? Pois, mollar o cu. Un goberno ten que encarar o problema. Asumir a diagnose e poñer os remedios. Dentro da propia consellería hai departamentos que ofreceron eses remedios. Aconsellaron determinadas medidas.

[Na Limia hai que] investir cartos nunha formación de gandeiros e agricultores, intentar parar a contaminación por estercos e xurros, non o seu uso, senón ao seu mal uso, propiciando unha compostaxe sensata.

Cales serían as medidas inmediatas?
Varias cousas: investir cartos nunha formación de gandeiros e agricultores, intentar parar a contaminación por estercos e xurros, non o seu uso, senón ao seu mal uso, propiciando unha compostaxe sensata. Ter un control para que a lixivación deixe de ser a barbaridade que é neste momento e que empecen a baixar os niveis de nitratos e fosfatos nas augas. Parece de sentido común. A Limia ten unha carga gandeira intensiva moi forte. Haberá que ver a maneira de tratar con esa carga. 

Xosé L. Rivas, MINI. Vilar de Santos. Gandaría. Sector primario
Xosé L. Rivas, segundo pola dereita, durante a reunión con produtores.

Unha moratoria ás ampliacións?
A moratoria é necesaria. Se temos un problema por exceso, o mínimo que hai que facer é non continuar excedéndonos. A moratoria ten que alcanzar ás ampliacións. Hai que se tomar en serio o medio ambiente, e non falos desde unha posición ecoloxista radical, senón desde a sensatez. Tanto con eólicos como con granxas, o que teñen que contemplar as declaracións de impacto ambiental non é só o do parque eólico ou a granxa concreta, senón o impacto que está tendo o conxunto. Se tratamos individualmente cada industria ou cada explotación, o que estamos facendo é ignorar o problema.


A Confederación Hidrográfica vén de informar favorabelmente do próximo plan hidrolóxico. Os ecoloxistas din que ese plan non ten en conta a gravidade da contaminación das augas da Limia. Que pensa o BNG?
A Limia é unha comarca senlleira e cun potencial agrícola e gandeiro tremendo, con todo iso, porque non se poñen solucións en serio. Sabemos que hai un problema de contaminación nas augas. Atallémolo. A que están esperando? O problema é groso e de difícil solución, esixirá intervir continuadamente. As analíticas están aí. Que máis se precisa? A política non é permanecer, é actuar. 

Na Limia todos actores tecen diante da nova realidade que vai impoñer a declaración de zona vulnerábel?
Hai que prepararse para esa nova realidade. Diso estamos a falar. E hai que esixir que esa nova realidade sexa o máis sensata posíbel e o menos dura posíbel. Por iso levamos anos dicindo que hai que actuar, e que hai que informar. E nesta nova realidade non poden ser as produtoras e produtores da Limia as culpábeis. Porque hai unha responsabilidade clara do Goberno galego, da Consellería de Medio Rural, que estivo mirando para outro lado, e da de Medio Ambiente, que estivo mirando para outro lado... Son cómplices, sabían o que estaba pasando e non aplicaron as leis. 

Xosé L. Rivas, Mini. BNG. Agrogandaría. Sector Primario. BGN. Vilar de Santos (2)
Rivas é portavoz de Agricultura do BNG no Parlamento galego.

Na tractorada do 25 de marzo os organizadores pediron resposta das Administracións a unha situación moi concreta provocada pola crise dos prezos. Pasaron tres semanas e non tiveron resposta. Que está pasando?
Eu vexo un Goberno da Xunta xordo aos problemas. Cando hai unha manifestación como a que houbo, e cando se presenta unha táboa reivindicativa lóxica, como a que se presentou, e non hai resposta rápida, é que o Goberno da Xunta ignora aos produtores da Limia. Fai movementos para calmar a cousa, pero non toma as rendas. 

Cando hai unha manifestación como a que houbo, e cando se presenta unha táboa reivindicativa lóxica, como a que se presentou, e non hai resposta rápida, é que o Goberno da Xunta ignora aos produtores da Limia.

E que pode facer o sector primario diante desta crise e desta falta de reposta?
O problema do sector primario é que está canso. Cando un sector que foi o que foi, e que aínda ten visos de potencia, está derrotado, pois o país... Cando o sector primario está canso e derrotado, o país está derrotado. Que custe de produción ten unha vaca en extensivo, un polo, unha pataca...? Que custes ten calquera produto primario? Pois non podemos dicilo. Sobe e sobe e sobe. O da electricidade é un atraco. Non entendo como estamos quietos... 

Derrotado soa moi duro...
Pode ser. Pero para min ese é o gran problema, máis alá da crise que se está a sufrir agora. Derrotado quere dicir que non ten futuro. O gran problema é cando calquera explotación non ten futuro, cando os fillos do gandeiro ou do agricultor non queren continuar... pois iso quere dicir que non lle ven viabilidade ou que hai un descrédito enorme, ou as dúas cousas. E iso é moi fodido, porque pon na picota todo un sector. 

Imos a peor?
Estaremos peor do que estamos agora. E dicir que estamos derrotados, para alguén que vive no rural é moi duro. E para chegar esta análise, non chegamos a través dos datos, chegamos falando, falando directamente coa xente. Mirándose aos ollos. É tan duro? Pois si. É abandono. Un país como o noso non pode permitirse o luxo de ter terra agrícola fóra das súas fronteiras, as terras que producen o alimento que consume por exemplo o noso gando, e que están na Ucraína ou no Canadá. Estamos traendo de alí parte do que consumimos aquí. Agora mesmo, o país non produce os cereais suficientes para facer o pan co que alimentar á nosa poboación durante máis dun mes. Temos só o 13% de superficie agraria cultivada. Non me entra na cabeza. 

Un país como o noso non pode permitirse o luxo de ter terra agrícola fóra das súas fronteiras, as terras que producen o alimento que consume por exemplo o noso gando, e que están na Ucraína ou no Canadá.

Que fai falta?
Asesoramento público. Información, como dicía ao principio. Un goberno ao servizo do país con visión estratéxica. Desmantelaron as oficinas de extensión agraria, que eran as que facían ese labor, e agora o asesoramento vénche do sector privado. E o privado o que fai é dicirche: 'necesitas isto e custa tanto'. 

ENTREVISTA | “Cando o sector primario está canso e derrotado, o país está derrotado”