Venres. 23.02.2024

O Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañou esta mañá á directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, a un encontro con representantes da asociación de veciños Rebordechá, en Xinzo. O acto servía para difundir a achega da Xunta ás obras de rehabilitación do local social: teito, pintura e unha televisión nova. Estiveron no acto Amador Díaz, tenente de alcalde de Xinzo, o concelleiro de Deportes e dous concelleiros do PP. "Un sitio ideal para ver a final do Madrid o sábado", brincou un dos acompañantes da directora xeral, que quedou encantada co resultado do investimento, uns 13.000 euros que fan parte dun programa de axudas as asociacións "para a dinamización do rural" e que este ano se incrementou até chegar aos 3 millóns de euros.


Rebordechá, unha aldea con 47 familias, está moi preto de dous dos puntos sinalados no mapa de augas afectadas por contaminacións por nitratos publicado o sábado pasado polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. Case unha semana despois, a Xunta de Galicia aínda non se tiña pronunciado sobre as consecuencias desta publicación, que abren o prazo de tres anos que ten o goberno galego para declarar a área afectada como zona vulnerábel á contaminación por nitratos. Será a primeira comarca do país que sufra esta declaración polo que leva clamando diversos sectores diante dunha contaminación que ninguén, tampouco agricultores e gandeiros, se atreve a negar.


O Delegado Territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, remitiu calquera valoración da Xunta a Medio Rural, e dixo que no tiña constancia de que nas reunión que onte mantivo en Ourense o conselleiro, José González, con representantes dos produtores limiaos se abordase este asunto.


Nesas reunións estivo Amador Díaz, o tenente de alcalde de Xinzo, en calidade de presidente dos pataqueiros limiaos. Esta mañá, en Rebordechá, Díaz confesou "a preocupación" dos produtores polas implicacións dese mapa. "Sabemos que a declaración de zona vulnerábel se vai a producir si ou si, pero necesitamos tempo e, seguramente, formación para empezar a adaptarnos ás novas esixencias". Díaz lembrou que, xunto coa declaración, está o decreto de fertilizantes que entrará en vigor este ano. Esta normativa afecta tanto a aplicación de abonos orgánicos (xurros e outros estercos) como a de químicos. 


Desde o Sindicato Labrego Galego informan dunha próxima reunión da executiva na que se tratará a cuestión da declaración da Limia como zona vulnerábel. Pola súa parte, a Consellería de Medio Rural podería emitir unha primeira valoración esta mesma tarde despois da interpelación do Diario do Limia ao Delegado Territorial en Rebordechá. Quen si se pronunciaron esta mesma semana foron os ecoloxistas, a Asociación de Gandeiros e Agricultores da Limia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o organismo encargado de elevar a petición ao Ministerio despois de varios anos recollendo analíticas que evidenciaban a contaminación.


A Xunta dispón dun prazo legal de 3 anos para promover a declaración de zona vulnerábel, que afectaría á Limia e ao encoro das Conchas (Bande, Muíños, Lobeira). A declaración suporía a introdución de limitacións a determinadas prácticas e controis máis rigoroso sobre a actividade agrogandeira e a xestión dos residuos. 

A RESPOSTA DE MEDIO RURAL

Pola tarde, a preguntas do Diario do Limia, a Consellería de Medio Rural remitiu un comunicado que comeza: "A publicación, por parte do Goberno central, do mapa de augas afectadas por contaminación difusa era preceptiva para que, no seu caso, a Administración autonómica correspondente declare unha determinada zona como vulnerable a esta contaminación. Así, cabe sinalar que xa antes da recente aprobación da actualización do Real Decreto sobre contaminación producida por nitratos nas augas, a Xunta estaba preparada para cumprir a súa obriga de elaborar un plan de actuación que definiría as condicións de xestión das dexeccións gandeiras".

 "A Xunta estaba preparada para cumprir a súa obriga de elaborar un plan de actuación que definiría as condicións de xestión das dexeccións gandeiras", respondeu Medio Rural nun comunicado despois de que o Diario do Limia solicitase unha valoración da publicación do MITECO. E engadiu que está prevista a instalación prioritaria dunha plantas de tratamento de xurros excedentarios na comarca da Limia".


E continúa: "Precisamente, o Goberno galego está traballando na aprobación dunha nova Lei galega para regular as dexeccións gandeiras, pendente da publicación e entrada en vigor do decreto nacional de nutrición sostible dos solos para a súa adaptación. Mirando especificamente á comarca da Limia, cabe lembrar que a colaboración institucional liderada pola Xunta vai permitir investir arredor de 36 millóns de euros na potenciación do sector agrario sostible nesta bisbarra, onde xa se comezou coa mellora nos regadíos e co arranxo dos camiños para favorecer a actividade neste eido".

 
Engadindo a continuación: "Ademais, a Xunta está a impulsar diferentes medidas a prol da xestión sustentable e eficiente das dexeccións gandeiras, tendo en conta as particularidades do noso agro. Así, a Xunta é consciente das restricións que está a adoptar a Unión Europea sobre o particular e por iso, para optar aos fondos europeos Next Generation, a Xunta presentou ás manifestacións de interese lanzadas polo Goberno un proxecto tractor para a posta en marcha do Centro para o impulso da economía circular, que contará cun sistema de xestión integral dos xurros excedentarios, entre outros. Cabe sinalar que as plantas galegas de tratamento das dexeccións gandeiras están incluídas neste proxecto, prevendo a instalación prioritaria dunha desas plantas na propia comarca da Limia".
 

AMPLIACIÓN | Os pataqueiros piden tempo e formación antes da declaración da Limia como...