lunes. 07.10.2024

Greenalia prevé que o tendido da Liña de Alta Tensión (LAT) que quere facer pasar por Porqueira será visíbel desde os núcleos de Lovios, Sever, A Retorta, Paradela de Abeleda, Reboreda, San Lourenzo, Fontemoura, A Forxa, Torre e Faramiñas. A empresa conta 379 afectados polo impacto visual baseándose no padrón de 2019. 


Greenalia estima que a LAT de 240 torres e 42 quilómetros pasará moi próxima a varias aldeas en cada un dos oito concellos que atravesa. Pasará a 500 metros de Lobás (Calvos de Randín), onde os comuneiros se reuniron esta semana para discutir se se opoñer o polígono eólico de Lamas de Feás, onde parte a LAT de Greenalia. 


En Porqueira, pasará a 400 metros de Reboreda e a 700 metros de Paradela de Abeleda, para cruzar o río Limia a uns 500 metros de Ponteliñares. Iso di a empresa.


En Reboreda e Paradela de Abeleda non queren a LAT de Greenalia. Temen que por onde baixa vaia afectar ás augas. As augas son varios mananciais entre os montes de San Lourenzo e Reboreda que as veciñas e veciños se encargan de manter. Son as augas que beben. Son súas. “É auga pura, limpa. E queremos que siga así”, di unha muller nunha casa á saída da aldea, cara A Forxa. 


“As augas aquí son comunidades de usuarios de augas”, insiste a alcaldesa, Susana Vázquez (PP). “Todas as augas están xestionadas por estas comunidades, e están todas legalizalas, tanto na Confederación Hidrográfica como en Sanidade”. A alcaldesa conta que alguén lle dixo esta semana que non se preocupase, que as torres non afectarían ás augas. “Pois non mo creo, para colocar torres dese tamaño terán que perforar e perforar...”  


En Reboreda, Manuel apaga un momento a máquina rozadora. Está limpando unha finca xunto ao lavadoiro. “Non queremos esa liña e xa fomos firmar esta mañá [a deste pasado venres] ao Concello contra o polígono de Calvos. Toda a aldea vai firmar”. Achéganse outro veciño e a muller de Manuel, Maribel. Ela sinala o monte e protesta: “Non queremos esas torres. Nós queremos que isto siga como está”. O veciño, tamén Manuel de nome, di que chamou familiares e que toda a xente da aldea que está fóra tamén vai asinar as alegación.

Reboreda. Paradela. Oposición LAT Greenalia (2) (FILEminimizer)
Concha, veciña de Reboreda, tamén está contra os eólicos.

“Escriba ben claro. Concha, veciña de Reboreda, di que non quere esa cousa”. Concha tamén protesta, busca a complicidade dun matrimonio maior, maior que ela. Pero a parella non sabe. Di que non saben que pasa. Na aldea hai xente moi maior, e algún emigrado que empeza as vacacións. “Levo cincuenta anos en Alemaña, na zona de Düsseldorf. Os meus fillos xa non veñen. Eu veño uns meses coa muller. Pero isto está perdido. Mire, fixemos esta casa... para que?”.


O emigrado é reticente, pero Manuel, que lle conta como unha parente súa veu de pé feito para asinar as alegación, insiste. “Isto, se se fai, vai traer problemas para a saúde. Un tendido así tan preto das casas...” Así se crea un estado de opinión. En Reboreda, os que coñecen o plan de Greenalia, non queren torres nin alta tensión. A alcaldes liderou a oposición ao tendido informando á veciñanza do que se lles viña enriba.

Reboreda. Paradela. Oposición LAT Greenalia (5) (FILEminimizer)
Vista desde Reboreda da zona que pretende utilizar Greenalia. Ao fondo, Güín (Bande), por onde pasaría o trazado.

Susana Vázquez explica que esta semana estarán listas as alegacións que o Concello de Porqueira vai distribuír entre as veciñas e veciños. Farán, di, máis reunións como a de Paradela hai unhas semanas. Se é preciso, avisa, iremos porta por porta para que todas a veciñanza coñeza o que pensa o goberno local. Hai un avogado redactando o escrito. Vázquez lembra os principais argumentos da oposición: Greenalia utilizou un censo de propietarios anterior á parcelaria que non se corresponde cos afectados, e tamén alude á inexistencia dun planeamento que a alcaldesa di que está en trámite e que converte o solo rústico de protección agropecuaria en solo rústico de protección agroforestal. 


A alcaldesa insiste en que as aldeas, os produtores, os cazadores, os comuneiros... todo Porqueira está do seu lado e contra os plans de Greenalia.


Greenalia non sabe nada de Porqueira, lamenta a rexedora. “O mínimo, se queres desenvolver calquera proxecto, é vir preguntar. Non o fixeron. A iso é ao que me refería cando dixen que se tiña actuado con opacidade”, matiza. 

Reboreda. Paradela. Oposición LAT Greenalia (4) (FILEminimizer)
Zona da parcelaría entre Reboreda e Paradela, e ao fondo os montes polos que baixaría a LAT desde Calvos de Randín.


Oposición dos cazadores ao polígono de Lamas de Feás

Mentres, en Calvos de Randín, Baltar e Os Blancos continúa a medrar a oposición ao polígono eólico de Lamas de Feás (tamén de Greenalia), en fase de exposición pública até o próximo día 2 de xuño. Onte foron os cazadores da Unión de Tecores de Galicia (Unitega). A asociación fixo público un comunicado na que “apoia a decisión dos veciños comuneiros de opoñerse ao proxecto eólico promovido pola empresa da exconselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato”.


Os comuneiros de Feás, a comunidade máis grande da zona, encabeza a resistencia en Calvos de Randín. En Lobás debateuse o venres. Algunhas fontes indican que a oposición ao polígono é maioritaria. Esta mañá, en Padroso, a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova desenvolveu unha charla informativa na antiga escola. A plataforma recolleu máis alegacións. Os veciños teñen a intención de reunir ao comunal para expoñer o asunto.


A plataforma empezará esta próxima semana o rexistro de alegacións nos concellos afectados e nas cabeceira de comarca da contorna. O día 5 de xuño levarán a Compostela a contestación aos proxectos eólicos nas comarcas limiás. 

NOTICIAS A LIMIA | Reboreda, en Porqueira, pon as augas por diante da Liña de Alta Tensión