sábado. 27.04.2024

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, que onte asistiu a reunión que Susana Vázquez, alcaldesa de Porqueira, convocou coas veciñas das aldeas de Paradela de Abeleda e Reboreda, critica hoxe nun comunicado difundido este mediodía a actitude dos alcaldes dos concellos limiaos de Baltar (José Antonio Feijoo), Os Blancos (José Manuel Castro) e Calvos de Randín (Aquilino Valencia) a quen sinala por “de maneira pasiva ou activa, favorecendo a invasión eólica e a ocupación dun parte valiosisima do territorio das nosas comarcas”.


A plataforma veciñal compara esta actitude coa da alcaldesa de Porqueira, de quen di: “cumpre co deber democrático de informar e coa responsabilidade diante de toda a veciñanza que vai no seu cargo”, en relación á reunión de onte, na que Vázquez desvelou un proxecto que aínda non é público e que contempla unha liña de alta tensión entre as subestacións dos parques eólicos de Lamas de Feás e Fonte Santa, entre Bande e Verea.


A liña, segundo explicou a alcaldesa e recolle a plataforma, serán uns “50 quilómetros de LAT que atravesarán o val do Salas, o val do Limia pola Veiga de Ponteliñares, o Monte Grande e o Monte da Neve, e a parte nororiental da serra do Laboreiro”


No escrito, asinado hoxe en Feás (Calvos de Randín), a plataforma inclúe ademais nas súas críticas á alcaldesa de Bande, ao alcalde nacionalista de Verea e ao de Celanova (independente), e advirte que “14.500 hectáreas das montañas máis senlleiras das comarcas da Limia e das Terras Celanova, entre o Larouco e o Laboreiro, fican en mans de multinacionais privadas con dereitos durante 25 ou máis anos sobre os solos”.


Stop Eólicos Xurés Celanova xa se opuxo aos proxectos LAT do Xurés (entre Baltar e Muíños), LAT do Larouco (que afecta Baltar e Xinzo) e PE de San Martiño (Baltar) na Limia, e denunciou os cambios nos enclaves de dous proxectos (PE Mistral e PE Tramontana) na mesma serra do Larouco, cuxa tramitación permanece fóra do coñecemento público, ao igual que o PE Serra de Gomariz (Baltar, Os Blancos). 

Pico da Aguioncha e montañas de Paradela, en Calvos de Randín, onde hai 2 polígonos en trámites, 10 aeros en total, de 200 metros de altura
Pico da Aguioncha, en Calvos de Randín, e montañas nas que hai 2 polígonos en trámites.

A oposición aos diferentes proxectos eólicos segue viva na Limia despois do caso de Baltar en xaneiro. Esta mesma semana, José Antonio Valencia, o concelleiro do PP, presentou no pleno de Calvos de Randín un escrito do Sindicato Labrego Galego (SLG) cunha proposta para que os concellos en zona reserva da biosfera, como é o caso de Calvos de Randín, se adherisen a unha moratoria á instalación de polígonos eólicos. A proposta fai parte dunha campaña a nivel estatal. En Galicia foi rexistrada en 82 concellos, entre eles, Bande, Lobeira, Lobios, Entrimo, Muíños e Calvos de Randín.


Uns días antes, a comunidade de montes de Feas, unha das tres afectadas en Calvos polo proxecto de Greenalia de instalar eólicos nos montes da Aguioncha e Pena Loba, dixo non á instalación de eólicos. Á reunión asistiu o alcalde, Aquilino Valencia. 

NOTICIAS A LIMIA | A plataforma do Xurés denuncia “a complicidade” dos alcaldes de...