jueves. 18.04.2024

“Sabedes o que é o tangaraño? A miña avoa dicía que eu tiña o tangaraño porque non paraba quieta... Despois, a miña nai contoume que unha bisavoa miña, a Anuncia, quitaba o diaño de dentro. Pero mamá... como non me contaches iso antes?!”, conta Rochi Nóvoa, mestra e escritora (segundo a Wikipedia en galego), creadora e organizadora única do Tangaraño Cultural, unha aposta pola lingua e a música do país na aldea de Sobradelo (Xunqueira de Ambía), un desde sitios onde resiste a tradición, aínda que sexa unha vez ao ano.

A nai de Rochi Nóvoa é a Toñita, que fai os callos que se comen ese día, o do Tangaraño, que este ano cae a 4 de xuño, o próximo sábado. Sobradelo é a aldea limiá onde naceu Rochi e o lugar onde convoca os amigos de sempre e algún novo cada nova edición. “O Tangaraño é un acto aberto ás veciñas e a todo o público, durante o día pasarán por aquí entre 200 e 300 persoas. Loxicamente colabora moita xente, non són eu soa, e tamén os Concellos de Xunqueira de Ambía e Baños de Molgas botan unha boa man”, explica Rochi.

No Tangaraño Cultural estréanse este ano Anxo Moure, Ico (Sonoro Maxín), Trovare Formael e Alexandre Cabanelas. Trovare Formael xoga na casa: dous dos seus compoñentes son veciños de Sobradelo (Manuel e Xosé Manuel), o mesmo que Sergio Tannus, quen debutou na anterior edición. 

Entre os veteranos do Tangaraño están os que non se perderon nin unha: Dani Soldevilla, Andrés Fernández, Quico Valeiras, Roberto Sobrado, David Gándara e... Alexandre Cabanelas. O de Cabanelas ten unha explicación. “Debuta como músico, el é parte dunha formación que fai jazz, pero é un rapaz ‘noso’. Na primeira edición era un neno e veu coa tenda de camisetas do seu pai. E non faltou nin un ano”.

Haberá tamén unha charla, xusto antes do xantar. Aurelio Prado, da cooperativa Amarante, falará sobre como fomentar empresas cooperativas no rural. As poetas farán parella con algúns dos músicos: Carlos Rafael, con A. Fernández; Belém de Andrade, con R. Sobrado; e Lady Alpaca, con Trovare Formael.  

“Do que máis orgullosa estou é da xente que pasou e pasa por aquí, son músicos e poetas de moitisima calidade. E por riba, veñen polo amor á arte”, confesa Rochi, e lembra como cando empezou pensaba só en xuntar un grupo de amigos. “Pero de súpeto deu en anotarse xente, e un trouxo outro, e aquí estamos... desbordados”.

bule bule
Espectáculo de danza nas Escolas de Xunqueira, a pasada fin de semana na Feira Bule Bule. | FOTO: Tangaraño Cultural.

O Tangaraño tivo un prólogo en Xunqueira de Ambía esta pasada fin de semana. E terá un epílogo en Baños de Molgas o domingo día 12 de xuño. En Xunqueira, o pasado sábado celebrouse no claustro a Feira Bule Bule, un mercado de arte e artesanía cuns vinte postos, algúns, de fóra de Galicia. Houbo un espectáculo de danza nas Escolas Vellas, e unha visita ao castro pola tarde.

En Baños de Molgas haberá sesión vermú a cargo do Coro da Universidade de Vigo, 50 persoas. Xa estiveron na Colexiata de Xunqueira e desta vez actuarán na Burguiña, ao aire libre. Son impresionantes...”, promete Rochi. 

Rochi Novoa. Tangaraño Cultural. Sobradelo. Xunqueira de Ambía (2) (FILEminimizer)
Rochi Nóvoa. | FOTO: Noelia Caseiro.

AXENDA | A Rochi e os amigos divírtense