A proba fai parte do circuíto Ouren Trail e incluirá unha andaina

NOTICIAS A LIMIA | O Trail de Sandiás reúne máis de 400 participantes este sábado pola tarde

Castor, Pablo e Rolan, participantes e tamén deseñadores do percorrido, onte en Sandiás, con indicadores que se utilizarán na proba. | FOTOS: Noelia Caseiro.

Este xoves é o último día para se inscribir no Trail & Andaina Montes de Sandiás. Hai máis de 400 afeccionados rexistrados para as dúas probas. A quinta edición do trial mantén o horario de tarde. A saída da andaina será ás 17:00 horas deste sábado desde o pavillón de Sandiás. Unha hora despois sairán os participantes no trail para percorrer 17 quilómetros por un circuíto completamente de monte. 


As veciñas e veciños de Sandiás non pagan. A cota de inscrición é de 10 euros para o trail e de 6 euros para a andaina. A primeira hora deste xoves había rexistrados 413 participantes. Até as 12 da noite estará aberto o prazo nesta ligazón: https://inscripciones.galitiming.com/inscripcion/v-trail-and-andaina-montes-de-sandias-2022/inscripcion_datos/ 


O percorrido do Trail terán un desnivel máximo de 800 metros. Ofrece unha dificultade media. “Evitamos pistas e estradas. O trazado vai enteiramente polo monte, recuperamos algunha canella e mesmo rozamos algún sendeiro que usan os animais. Non é moita distancia e quizá o máis duro para os corredores sexa o horario se vai un día de moita calor”, explica Pablo Feijoo, un dos organizadores.


“A ruta partirá desde o pavillón cara o santuario do San Bieito e a aldea da Uceira, baixando despois polo Novaíño cara a capela de Santa Mariña, en Piñeira, e alí aproveitamos un treito do Camiño de Santiago, e volta cara o San Bieito”, explica Pablo, que tamén participará na proba. “Despois baixaremos primeiro cara a Sandiás para ascender camiño do Pico Costoira, ou Outeiro de Cerredelo. Tras coroar, vólvese para a meta no pavillón”.
  

É un sobe e baixa, “un perfil de serra”, di Pablo Feijoo, “que a algunha xente se lle fai moi duro”. A competición de Sandiás fai parte do circuíto provincial de carreiras Ouren Trail. A de Sandiás é a oitava proba dunha liga que antes pasou por Pereiro de Aguiar, Paderne, Celanova, Castro Caldelas, a Serra de San Mamede, Chandrexa e, a semana pasada, por Manzaneda. A liga, de 15 carreiras, está liderada por Castor Salgado, que figura inscrito en Sandiás.

Gil, un dos responsábeis da organización, onte en Sandiás. 

Tamén se celebrará unha carreira para nenos (21:00 horas) e a xornada rematará coa entrega de trofeos ao redor das 21:15 horas no pavillón. O Concello de Sandiás encárgase da organización coa colaboración de clubs e entidades de trail. Onte estaban rematando de colocar a sinalización. Espérase bo tempo e unha participación de récord nas andainas deste ano na comarca.