jueves. 18.04.2024

Este xoves é o último día para se inscribir no Trail & Andaina Montes de Sandiás. Hai máis de 400 afeccionados rexistrados para as dúas probas. A quinta edición do trial mantén o horario de tarde. A saída da andaina será ás 17:00 horas deste sábado desde o pavillón de Sandiás. Unha hora despois sairán os participantes no trail para percorrer 17 quilómetros por un circuíto completamente de monte. 


As veciñas e veciños de Sandiás non pagan. A cota de inscrición é de 10 euros para o trail e de 6 euros para a andaina. A primeira hora deste xoves había rexistrados 413 participantes. Até as 12 da noite estará aberto o prazo nesta ligazón: https://inscripciones.galitiming.com/inscripcion/v-trail-and-andaina-montes-de-sandias-2022/inscripcion_datos/ 


O percorrido do Trail terán un desnivel máximo de 800 metros. Ofrece unha dificultade media. “Evitamos pistas e estradas. O trazado vai enteiramente polo monte, recuperamos algunha canella e mesmo rozamos algún sendeiro que usan os animais. Non é moita distancia e quizá o máis duro para os corredores sexa o horario se vai un día de moita calor”, explica Pablo Feijoo, un dos organizadores.


“A ruta partirá desde o pavillón cara o santuario do San Bieito e a aldea da Uceira, baixando despois polo Novaíño cara a capela de Santa Mariña, en Piñeira, e alí aproveitamos un treito do Camiño de Santiago, e volta cara o San Bieito”, explica Pablo, que tamén participará na proba. “Despois baixaremos primeiro cara a Sandiás para ascender camiño do Pico Costoira, ou Outeiro de Cerredelo. Tras coroar, vólvese para a meta no pavillón”.
  

É un sobe e baixa, “un perfil de serra”, di Pablo Feijoo, “que a algunha xente se lle fai moi duro”. A competición de Sandiás fai parte do circuíto provincial de carreiras Ouren Trail. A de Sandiás é a oitava proba dunha liga que antes pasou por Pereiro de Aguiar, Paderne, Celanova, Castro Caldelas, a Serra de San Mamede, Chandrexa e, a semana pasada, por Manzaneda. A liga, de 15 carreiras, está liderada por Castor Salgado, que figura inscrito en Sandiás.

Gil, membro da organización do Trail
Gil, un dos responsábeis da organización, onte en Sandiás. 

Tamén se celebrará unha carreira para nenos (21:00 horas) e a xornada rematará coa entrega de trofeos ao redor das 21:15 horas no pavillón. O Concello de Sandiás encárgase da organización coa colaboración de clubs e entidades de trail. Onte estaban rematando de colocar a sinalización. Espérase bo tempo e unha participación de récord nas andainas deste ano na comarca.

NOTICIAS A LIMIA | O Trail de Sandiás reúne máis de 400 participantes este sábado pola...