jueves. 25.04.2024
A alcaldesa di que o Concello de Xinzo fará “un esforzo” para mellorar a axuda do Antela en Preferente

NOTICIAS A LIMIA | A andaina de Gudín ao Larouco terá (tamén) un carácter reivindicativo

Elvira Lama, a única muller, con reprentantes do departamento de Deportes do Concello e de asociacións deportivas este luns na Casa do Concello
Elvira Lama, a única muller, con reprentantes do departamento de Deportes do Concello e de asociacións deportivas este luns na Casa do Concello.

En xaneiro pasado, unha protesta encabezada polos practicantes do parapente dun e doutro lado da raia derivou nunha mobilización popular contra a Liña de Alta Tensión do Larouco, que Iberdrola proxectaba na faldra do monte. A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, púxose á fronte daquel rexeitamento e mesmo participou nunha marcha ao Larouco contra os plans da multinacional.

Hoxe, durante a presentación da programación deportiva do Concello de Xinzo para os próximos meses, Elvira Lama reafirmou o seu compromiso coa defensa do Larouco. Ao referirse á andaina que organizarán o Club de Parapente Baltar e o Club de Montaña As 4 Torres o próximo 3 de xullo, e que conta coa colaboración do Concello de Xinzo, Lama dixo que esa serra “foi ‘ninguneada’ e maltratada por determinadas empresas”

E despois, a preguntas do Diario do Limia, recoñeceu que, alén do aspecto social e deportivo, a convocatoria terá un carácter reivindicativo. “Parécenos interesante que a xente coñeza a serra do Larouco e durante a andaina seguramente han de xurdir debates que servirán para explicar cales son as pretensións das compañía eólicas”, afirmou a alcaldesa de Xinzo, á fronte dun goberno que alegou contra o proxecto de Iberdrola e demandou que non se constrúa a infraestrutura.

Durante a rolda de prensa, a alcaldesa parabenizou aos diferentes clubs deportivos polos seus éxitos nesta tempada de competicións, e referiuse ao ascenso do Antela a Preferente. Lama estivo hai apenas dúas semanas na entrega da Copa de Campión de Liga ao equipo na Moreira. 

A respecto da posibilidade de incrementar a subvención que o Concello de Xinzo concede ao club para axudar diante das esixencias da nova categoría, Lama dixo: “Queremos que o Concello estea a altura das circunstancias e faremos o esforzo correspondente. Imos ver até onde podemos chegar e como”.

Lama afirma que a serra do Larouco “foi maltratada” e pensa que a andaina do 3 de xullo pode axudar a “explicar cales son as pretensións das compañía eólicas”. 

A alcaldesa estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Rafael Penabad, por técnicos municipais e representantes das Escolas Deportivas, de Limia Activa e da AB Xinzo, así como membros do club de montaña As 4 Torres e Fusión Fitness. 

A programación é abundante e completa, como subliñou Penabad. Para o mes de xuño está prevista a celebración da décima edición do torneo de minibásket, e o comezo dos campus de ximnasia e tecnificación de fútbol nas Escolas Deportivas, e o de baloncesto que organiza o club AB Xinzo.

“Queremos que o Concello estea a altura das circunstancias e faremos o esforzo correspondente. Imos ver até onde podemos chegar e como”, afirma Elvira Lama. 

Tamén están programadas, a falta de confirmar datas de inscrición e de inicio, o Xinzo FIT 2022 que terá como escenario o Toural, os torneos de Fútbol 7 e de pádel e o campionato 3x3 de baloncesto. Xinzo xa se viste de curto para un verán intenso en posibilidades de ocio deportivo


No mes de agosto a Fundación Celta desenvolverá o seu campus de verán, e tamén se celebrará o campus Salva Arcos de baloncesto. Haberá tamén fitness en setembro, ademais das andainas de Xinzo e do Larouco, previstas para finais de xuño e principios de xullo, respectivamente.

Antes de todo iso, equipos de base das Escolas Deportivas, o propio equipo de Segunda, o Antela, e dous equipos do AB Xinzo aínda están inmersos nas competicións de Copa. Rafael Penabad animou á veciñanza a acompañar estes equipos nos seus compromisos inmediatos. 

NOTICIAS A LIMIA | A andaina de Gudín ao Larouco terá (tamén) un carácter reivindicativo