domingo. 06.10.2024

O Antela xoga maña (17:00 horas) no Outeiro Grande de Maside o penúltimo partido de Liga. O equipo de Óscar Sabucedo necesita sumar outra vitoria para chegar con aspiracións de ascenso á última xornada. Sen Tazos, sancionado, nin Sergi, lesionado, o técnico deberá recompoñer o once. Juan Forri, Pancho e David Lamas apuntan á titularidade.

Os buses que o club puxo a disposición dos afeccionados distribúen hoxe as últimas prazas. Para facer a reserva é preciso chamar ao teléfono do club (658 468159). A expedición limiá ten previsto partir cara a Maside mañá ás tres da tarde desde a estación de autobuses.

“Está sendo máis intenso que o último ascenso hai catro anos”, comentou Joni, un dos capitáns ao remate da sesión de adestramento de onte no campo de herba artificial anexo á Moreira. Joni é un dos xogadores que viaxaron naquel outro bus do ascenso, cara a Rante, na tempada 2017/18. Xunto a el, os irmáns Forri.

“Daquela o equipo era moi novo, non tiñamos ese obxectivo ao principio da Liga, pero deuse... Este  ano é diferente, é certo que si estaba nos plans ao principio da tempada”, explica Juan Forri. 

E lembra unha das claves daquel ascenso a Preferente: “o grupo, sen dúbida”. “Nolos tres eramos dos máis veteranos, e hoxe aquí estamos, aínda non chegamos ningún aos trinta anos. Aquel foi un equipo moi unido. Traballamos moi ben xuntos e cremos en nós”.

A afección foi outra das claves, apunta Pablo Forri. Aquel partido en Rante tamén contou cun nutrido grupo de seareiros braquinegros. “Nótase cando estás arroupado. E este ano aínda está sendo mellor. O domingo na Moreira foi moi bonito, e pola rúa séguenos parando xente para dar ánimos. A afección está de dez”.

O de Maside é un campo que non se lle dá mal ao Antela. A última visita, en xaneiro de 2020, xusto antes da pandemia, rematou en empate. Na anterior, rexistrouse un triunfo visitante (1-3). Pablo Forri foi titular aquela tarde de febreiro de 2018.

Agora advirte contra as dificultades do partido de mañá. “Non vai ser moi diferente dos que xogamos nos campos do Vilariño, A Peroxa e no Carballiño. Son equipos defensivos. Por riba, a herba artificial estaba bastante deteriorada as últimas veces. Parece que o Maside, polo menos así foi na Moreira, quere xogar un pouco máis ao fútbol. Non vai ser fácil, como non o foron os outros”, resume Pablo Forri.

Catro equipos loitan aínda pola única praza de ascenso. A tensión ha pasar factura algún deles. No Antela confían en que sexan outros os que a sufran.

Na primeira volta na Moreira, Joni anotou dous goles e Pablo Forri outro. O Antela gañou 3-0 ao Maside. Mañá, de novo, só lles vale outra vitoria. Na Peroxa os locais reciben ao Allariz. Desde choque dependerá boa parte da sorte do Antela... sempre que gane o seu partido. O Celanova tamén necesita ganar no complicado campo do Medo, en Pereiro. Catro equipos loitan aínda pola única praza de ascenso. A tensión ha pasar factura algún deles. No Antela confían en que sexan outros os que a sufran. A experiencia tamén debería contar, din.

antela. maside. previa 1
Pablo e Juan Forri, con Joni, onte despois do adestramento.

FÚTBOL A LIMIA | “Está sendo todo máis intenso que o último ascenso hai catro anos”