Os campos de fútbol de A Moreira e José Antonio Fernández Carrera acollerán este sábado 17 de maio, de 10:00 a 20:00 h, a Fase Intermedia do Campionato Galego de Fútbol-8, nas categorías alevín, benxamín e prebenxamín, para a Zona Sur de Galicia.
Trátase dunha cita oficial da Real Federación Galega de Fútbol, que reunirá a clubs clasificados das delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo, nunha xornada deportiva que combinará emoción, talento e convivencia arredor do fútbol base.
Cada categoría está dividida en dous grupos, e os partidos disputaranse en formato liga a unha volta. Os dous primeiros equipos de cada grupo accederán ás eliminatorias finais, de onde sairán os clubs clasificados para a Fase Final do campionato, que terá lugar o sábado 24 de maio en Vilalba.
Xinzo convértese así nun dos epicentros do fútbol base galego, reforzando o seu papel como sede deportiva de referencia e contribuíndo á dinamización do municipio a través do deporte.
