sábado. 05.10.2024

Pablo lembra como detivo aquel penalti en Maside na última xornada da tempada 2001-02. E quítalle importancia. “Foi na primeira parte”. Despois conta como tras parar o penalti levantouse e as pernas non lle respondían. “Acabamos o partido metidos atrás. O empate chegábanos. Cada vez que sacaba de portería pegáballe con todo. Tiña que coller aire. E outro saque. Abafaba. Collía aire. Eran os nervios”.

Carlos era o capitán aquel día. Levaba 17 tempadas no club. As mesmas que levaba o Antela en Primeira. “A semana anterior tiñámolo feito. Bastaba con gañar na Moreira ao Manchica e ascendíamos. Pero xogamos moi nerviosos. Perdemos 0-4. A tensión foise acumulando. Así chegamos a Maside”.

Por eses pregues da historia a fin de semana pasada volveu aparecer o Maside. O domingo o Antela gañou no Outeiro Grande (0-2 ao Maside) mentres na Peroxa un porteiro chamado Maside (porteiro ocasional) detiña un penalti ao Allariz. En dúas xornadas o Antela recortou catro puntos ao Allariz e cinco ao equipo da Peroxa. É líder e aspira a campión. Depende de si propio.

“Ollo, isto que digo do Maside non é coincidencia”, advirte Dani, directivo do club, que xa era directivo no últimos ascenso en 2018 e foi xogador no ascenso de 2007. “O domingo na Moreira vai haber momentos como ese que describiu Pablo. Haberá que sufrir. Xa veredes”.

Dani, Carlos e Pablo participan nunha conversa con Toncho e Toño Belucho, protagonistas no ascenso da tempada 1983-84; con Julio, o adestrador nos ascensos do 2002 e do 2018; e con Vila e Pisto, compañeiros de Dani no 2007. Pisto segue no equipo. O domingo (18:00 horas diante do Sporting Carballiño) xogará o seu último partido de Liga. O día da reunión hai adestramento e terá que marchar antes que o resto.

A reunión ten lugar nunha sala do CDR O Viso, onde Camilo Vila, educador social, traballa na actualidade. Oito ex xogadores comparten lembranzas sobre aqueles catro ascensos que marcan a vida do Antela. Traen fotos e recortes de prensa (os máis veteranos) e un portátil co imaxes da festa do 2007 os máis mozos. Pasaron os anos, son amigos, manteñen un fío de ferro a través do fútbol e non teñen reparo en declarar a súa admiración por Toncho e Belucho, que non só ascenderon senón que mantiveron ao Antela en Preferente durante varias tempadas.

Veteranos ANTELA na sede do CDR O Viso durante a conversa
Os veteranos do Antela, o mércores, durante a conversa na sede do CDR O Viso.

Toncho establece as xerarquías. “O equipo que definiu o que sería o Antela nas décadas seguintes foi o dos que estaban xusto antes que nós”. Fala da tempada 1977-78. O Antela gañou a Liga de Segunda e disputou unha fase de ascenso que tiña dous destinos posíbeis: un á Preferente (o premio grande) e outro a Primeira. Aquel Antela eliminou ao Endesa As Pontes, e despois caeu co Choco. 

“O Antela enchía a Moreira. E ía xogar fóra, e enchía. Eran futbolistas de moito nivel que aprenderon no patio do colexio, de xeito natural”, di Toncho. Naquel equipo xogaban Barata e Desiderio.

“Barata era moi bo”, coinciden os veteranos. “Tamén estaba Prol, e lembro que a Desiderio quixérao fixar o Zaragoza”, di Julio. “Si, pero daquelas xa fumaba”, retruca Belucho. Carlos ponse serio e di: “Aquí o que puido chegar a Primeira División foi Toncho, xogaba coas dúas pernas”. “Tecnicamente era o máis cualificado”, apunta o seu compañeiro naquel centro do campo, Belucho. 

Veteranos ANTELA. Carlos, Pablo e Toncho
Carlos, Pablo e Toncho, durante a conversa.

“As nosas referencias seguen sendo eles”, recoñece Pisto. O central, o único en activo, disputa a súa décima tempada no Antela. No 2007 participou do ascenso. “Ascendemos a catro xornadas do final gañando ao Lobios”, di Daniel. “Creo que empezaramos mal, que estaba Nica como adestrador e que aquel equipo levantaba moitas expectativas, pero despois dun 0-3 en decembro na casa cesárono”, lembra Pisto.

“E veu Ángel Mociño”, intervén Vila, dianteiro goleador aquela tempada, que mostra unha foto dun celebración na Moreira, co seu tío na grada e un valado metálico polo medio. Vila xogou cinco tempadas no Antela, e como cadete tamén tivera participado nalgún partido na Liga do ascendo de 2002. Despois estivo no Boado, con Julio como adestrador. Subiron e baixaron xuntos de categoría. 

Veteranos ANTELA. Dani, Julio_adestrador_ e Vila
Dani, Julio e Vila.

“Mociño trouxo moita disciplina, ascendeuse fácil. Tiñamos un gran porteiro, Luis María, e marcabamos con facilidade”, recorda Vila. Nese cadro estaba tamén Nacho, o único futbolista que ascendeu tres veces coa camiseta do Antela. Por cuestión de traballo non puido sumarse á reunión. 

Entre os relatos dos ascensos van aparecendo tamén algunhas figuras esquecidas. Na lista dos mellores de sempre nomean a Barata e a Desiderio, a Sindo, a Miguel o Chino, a Manuel e a Cartucho, a Samuel (que segue na actual escuadra) e ao Maradona de Vilaseca. “Manolo, penso que se chamaba, pero todo o mundo o coñecía por Maradona. Era de Vilaseca”, explica Julio, que foi adestrador del antes de que marchara, aos 17, para o Lalín de Fernando Santos en Segunda B. “Con 14 anos, sendo cadete, marcou 70 goles cos xuvenís. Setenta, dise pronto”.

Veteranos ANTELA. Tocho e Toño Belucho. 84
Toncho e Toño Belucho, cos seus recordos.

A Moreira

Mais entre todos os nomes propios hai un que define o moderno Antela, o do seu campo. “Para ben e para mal A Moreira é o Antela, e condiciona ao Antela. Mesmo en aspecto non tan futbolísticos como a distancia entre o campo e as gradas. É un estadio moi aberto, grande, con moito vento. Os equipos rivais cansan”.

“Hai xogadas que definen ben iso que dis”, sinala Pablo. “Por exemplo, o córner. Xogabas na Moreira e sacaban un córner e era case como se o sacasen desde Lamas. Dábache tempo a prepararte, medir... Despois chegabas a campos nos que os córner eran case como unha faltaba. Era un centro, pin-pan, moi difícil de defender”.

“Na Moreira, co campo un pouco mollado, esa chuvia fina de primavera, xogábase moi rápido. E nós sabíamos xogar así”, anota Carlos. “Este ano todos os equipos que viñeron xogaron igual, todos atrás... salvo o Allariz”, lembra Dani, que botou oito tempadas como branquinegro e no 2018 xa era directivo, e agora aspira ao terceiro ascenso.

“Si, o que dicides da Moreira é certo”, fala Belucho. “Salvo co Celta Turista, co Pontevedrés e co Atlético Ourense, nós, sempre que xogabamos fóra eran campos de terra”.

Veteranos ANTELA. Carlos 2002
Carlos, coa foto da plantilla do 2002.

O gol

“Mais se hai unha constante histórica”, continúa, “son os problemas que temos para facer gol". E neste punto o debate xira cara o contraste entre o fútbol “de antes” e o “de hoxe”. 

Pablo considera que hoxe os futbolistas son mellores. Julio di que non, que son “prototipos, hai un bo nivel medio, mais poucos destacan”. Pero hoxe “con 7 anos xa xogan, e eu debutei con 13”, contesta o ex porteiro. E fala Belucho: “hoxe hai adestradores que seguen adestrando e xogando para ganar, é un erro, os rapaces teñen que xogar para divertirse”.

“Antes había xogadores diferentes”, di Pisto, “hoxe ves grandes equipos, non grandes xogadores. As tácticas minimizan todo, ás veces importa máis o aspecto físico”. “Falta improvisación, si; falta capacidade de desequilibrio”, apunta Toncho. 

“No 2002 si que nos faltou gol...”, recolle Julio. Di que conserva todas as actas daqueles partidos. “O Antela estaba case ascendido con 40 puntos na primeira volta. Pero... faltou Cartucho tres meses; Manel lesionouse. Custounos moito. Sufrimos. Non perdiamos, pero tampouco ganabamos”

Veteranos ANTELA. Dabi e Pisto 07
Dani e Pisto (sentado).

O salto

“Se ascendemos, o salto de categoría é enorme. Coidado”, advirte Daniel. “No ano posterior ao último ascenso planificouse, o equipo xogou ben, competiu, pero non foi suficiente”, lembra Beluso.  

“En Xinzo hai moitos xogadores, daría para ter tres equipos en Primeira. Pero a Preferente é outra cousa, esixe sacrificio, compromiso... por exemplo, ir co equipo fóra da casa aínda que non esteas convocado. Iso velo nos equipos de Vigo”, comenta Toncho.

“Ou cambia moito a mentalidade da xente, ou iso non pasará aquí”, responde Vila. “Nós pareciámonos máis a esta xeración de Beluso e Toncho, que a actual. Nótase máis a diferencia cos novos”.

E Dani asente: “Os valores que tiñan as xeracións de Toncho e Belucho, ou a de Carlos e Pablo, o sacrificio, o compromiso... iso non queda”

“Se a motivación non lle vén imposta, ten que vir doutro lado. Crear un grupo san”, aconsella Vila. “Pero non basta con ser bo rapaz. Tes que dar con tres ou catro bos futbolistas que se adapten, compactar o grupo, e ter referentes”, remata Carlos.

FÚTBOL A LIMIA | “A Moreira é o Antela, para o bo e para o malo”