miércoles. 24.04.2024

O Antela encaixou 22 goles na Liga (15 nos 16 partidos da primeira fase, e 7 nos 7 da segunda fase). É o equipo máis sólido da Primeira ourensá. Dous mozos da Valenzá, barrio da capital, criados futbolisticamente nas canteiras do Ourense e do Pabellón, ambos da quinta do 93, altos e sobrios, compoñen a mellor parella de centrais da competición, unha das claves para que o Antela chegue á última xornada con todas as opcións de ascenso na man.

“De acordo, a defensa e o porteiro fixémola nosa parte, pero isto de recibir poucos goles é cousa de todo o equipo. Somos un equipo intenso na presión, con actitude, cremos niso”, apresúrase a matizar Breixo, o central dereito.

“Nisto Suso ten moito que ver. Penso que fixo unha tempada excelente. Nunca coincidira con el, e descubrín un magnífico porteiro. Dá moita seguridade. Xógase máis tranquilo con el ás costas”, apunta Quintairos, o central esquerdo.

Quintairos debutou en Terceira División con 17 anos. Defendeu ao Barbadás e ao Ourense C.F. nesa categoría até que no 2018, co Antela ascendido a Preferente, chamouno Moisés Pereiro para vir xogar á Moreira. Na tempada da pandemia tiña ficha co Areas, mais non chegou a debutar. “Se o conseguimos, este vai ser o meu primeiro ascenso. Faime unha ilusión especial por iso. Mais temos que tomar o partido como outro máis”.

Breixo tamén pasou polo Barbadás, e despois polo Monterrei antes de fichar polo Antela no 2019. A pandemia parouno todo. E esta tempada as expectativas eran altas. “Con Quintairos todo vén de seu. Case nin fai falta falar. A continuidade foi clave para alcanzar este entendemento. Por arriba é o mellor central da categoría. E cando vai ao corte, sabes que non falla. Pasa o mesmo que con Suso, son xogadores que che dan seguridade”.

Brexio protexe a pelota dentro da área visitante acosado por un dianteiro local. antela carballiño
Breixo protexe a pelota acosado por un dianteiro do Carballiño.

Breixo e Quintairos recoñecen que houbo momentos moi difíciles este ano. Breixo lembra que hai apenas tres semanas, a un par de minutos do final do partido co Vilariño tíñano todo perdido. “Para min, eses dous goles foron os máis decisivos da tempada. Pero do que non me esquezo, e cada vez que nos xuntamos volvémolo recordar, é daquel penalti no último minuto que nos quitou dous puntos no Carballiño”.

“Hai un mes era impensábel, pero xa digo que nin nos peores momentos deixamos de ter presente o obxectivo” (Quintairos)

Quintairos vai máis atrás. Para el o momento crítico da tempada estivo na derrota en Cartelle no primeiro partido deste ano. “E malia todo, lembro unha conversa con Pedro botando contas para o ascenso”, di. “As expectativas, é certo, eran altas. E vernos na parte baixa a esas alturas... En fin, cambiamos o chip e aquí estamos, onde queriamos. Hai un mes era impensábel, pero xa digo que nin nos peores momentos deixamos de ter presente o obxectivo”.

Antela. A Peroxa. Moreira (66)
Quintairos, no Antela-A Peroxa na Moreira, no que marcou un gol.

O novo chip, anota Breixo, empezou a dar resultados no partido en Celanova. O último da primeira fase. “Vencemos a un equipo que non perdera un partido. Fomos superiores e fomos quen de recuperarnos do empate e marcar dous goles nos últimos minutos. Vimos que se podía”.

“Haberá moita calor, moita xente, será todo moi intenso. Pero se o domingo empezamos ben, todo irá rodado” (Breixo)

“Somos dous centrais dominantes nun equipo dominante”, afirma Quintairos. “Non sei como virá o Sporting Carballiño, marcan moitos goles e tamén encaixan moito. Por min, que veñan a xogar un partido aberto”

“Eu creo que se o domingo empezamos ben, todo irá rodado. A presión non pesará moito. Ao final, a xente lévate. Haberá moita calor, moita xente, será todo moi intenso. Agora, despois de partidos como o de Celanova, ou o de Pereiro e outros, sabemos que podemos remontar calquera situación. Temos esa confianza. Iso axuda a controlar a ansiedade. Sabemos que imos seguir tendo ocasións até o final”, conclúe Breixo.

Na Moreira, este domingo, eses dous mozos do 93 de orixe limiá que se criaron na Valenzá e empezaron a coñecerse e respectarse de nenos, e mesmo coincidiron en seleccións de base ourensá, non terán que falar moito durante o partido co Carballiño. Veranos serios, concentrados, eficientes. Son o primeiro piar dun Antela que transmite solvencia e que construíu o mellor equipo da división ourensá a partir da mellor parella de centrais: Breixo e Quintairos.

FÚTBOL A LIMIA | Breixo e Quintairos, dous centrais nas alturas