sábado. 27.04.2024

Cristian Rodríguez González, Pancho, centrocampista de 35 anos, sen actividade competitiva desde hai dous anos, converteuse este xoves na primeira fichaxe do Antela para a segunda volta de competición e na primeira da etapa de Óscar Sabucedo como técnico do primeiro equipo.

Pancho, que na actualidade adestra ao equipo xuvenil do Pabellón, en Ourense, disputou as súas últimas tempadas como futbolista no Bande entre o 2016 e o 2019 na Preferente. Antes xogou dous anos no Ourense C.F. en Primeira Galega e despois en Preferente. O seu primeiro ascenso viviuno no Barbadás, co que se proclamou campión de Preferente na tempada 2011-12

Despois xogou tres campañas máis co Barbadás en Terceira. E nesa época pasou de ocupar posicións como dianteiro a converterse en mediocampista, a liña que agora pretende reforzar Óscar Sabucedo de cara ao último tramo da Liga, con cinco partidos por diante en apenas catro semanas.

Cristian Rodríguez realizou esta noite na Moreira o seu primeiro adestramento co Antela. O equipo de Sabucedo recibe este domingo (16:00 horas) ao Santa Teresita, un rival directo na loita polas prazas de promoción

A atención futbolística de Xinzo repartirase esta fin de semana entre a Primeira e a Segunda Galega. No grupo terceiro da segunda categoría provincial, haberá enfrontamento directo. O Piñeira Seca recibe o sábado ás Escolas Deportivas. Os locais marchan na cuarta posición da clasificación, con opción de alcanzar praza na promoción; mentres que o primeiro equipo das Escolas, sexto, vai nove puntos por detrás do Piñeira Seca.
 

FÚTBOL A LIMIA | O Antela ficha a Pancho, un mediocampista de 35 anos