martes. 23.04.2024

Toño Nóvoa, 14 tempadas como xogador, coñece ben as sensacións destes partidos como o que mañá enfronta na Moreira ao Antela co A Peroxa. No 78, conta, o equipo concentráronse nun hotel antes de recibir ao Verín. Era a penúltima xornada e o Antela tiña na man o título de Liga da Segunda División de afeccionados. “Nunca vin a Moreira como aquela tarde. Había xente por todas partes. Moitos coláronse. Aínda así creo que a recadación chegou ás 300.000 pesetas. Unha enormidade daquela". O Antela gañou 1-0. Campión. "Despois, botamos toda a semana de festa e perdemos en Allariz o último partido, se non teríamos rematado invictos”.  


“No verán do ano 2000, o histórico Antela atopábase á beira do abismo”, escrebe Edelmiro Cerredelo no seu estudio sobre o club con motivo do centenario. “Faltaba diñeiro, ilusión e faltaba compromiso. Entón apareceu Toño Nóvoa, o gran capitán. Foi elixido presidente o día 19 de xullo. Pretendía que o 90% do equipo estivese composto por xogadores da comarca”.


“Somos un club de canteira. Iso está aí, na nosa historia. Aínda que ás veces a canteira custe moito traballo. A min, por exemplo. Aquela tempada como presidente tiñamos catro equipos e un da base en Liga galega. Eu traballaba toda a semana en Verín. E o sábado e o domingo pasábaos tamén fóra da casa, cuns ou con outros. Foi moito traballo, pero chegamos a ter case 500 socios”, lembra o Nóvoa. 


A tempada 2001/02 o adestrador era Ángel Prol, que fora compañeiro de Nóvoa no campo. Ó Antela pelexaba polo ascenso a Preferente. A penúltima xornada recibía ao equipo da Manchica na Moreira. “Chamáronme a ver se se podía acordar un empate. Eles necesitaban un punto para se manter, pero a nós non nos chegaba. O equipo saltou o campo moi nervioso, a tensión superounos. Xogamos mal e eles moi ben. Perdemos 0-4”. O domingo seguinte, no peche da competición, o Antela visitaba ao Maside. E gañou (0-1). “O aspecto mental é moi importante neste tipo de partidos”, avisa Nóvoa, curtido no campo e no palco.


O mércores, no primeiro adestramento da semana, sesión na que xa participou Quintairos, Óscar Sabucedo, o adestrador deste Antela que mañá aspira a superar ao rival (A Peroxa) no marcador e na clasificación e converterse na principal ameaza para o Allariz na disputa da única praza de ascenso, avisou aos xogadores.


“Para nós este é un partido máis, un partido normal e así temos que saír ao campo, como calquera outro domingo. Non vos quero híper-motivados”, dixo Sabucedo.


O Antela recibe mañá (18:00 horas, na Moreira) ao único equipo que foi capaz de derrotalos nos últimos dous meses de competición. Chega o A Peroxa, líder, un oso duro de roer, comparábel ao incómodo Vilariño. Un equipo que se defende moi ben e morde en ataque, principalmente a través da zurda de Dacosta (4 goles, un deles ao Antela no Marco hai un mes). 


Sabucedo recupera a Quintairos e volverá contar con Pancho. Ambos apuntan á titularidade. David Lamas e Borja Carballo mantéñense na convocatoria, que completan Suso, Andrés, Peque, Tazos, Xabi Lamas, Pisto, Breixo, Pablo Forri, Pedro, Sergi, Joni e Borja.

FÚTBOL A LIMIA | O valor da experiencia