sábado. 05.10.2024

A Moreira recibirá mañá ao Valladares (16:30 horas) con tempo seco e vento suave, esas son as previsións meteorolóxicas un día antes. Este sábado, o partido de xuvenís tivo que suspenderse por inundación no Fernández Carrera, ao parecer os sumidoiros atascaron.

Para o Antela de Óscar Sabucedo, o partido, correspondente á oitava xornada de competición, será outra proba máis de crecemento nunha fase calma da tempada... até que aparece a baixa por enfermidade de Suso, o porteiro titular.

Sabucedo recorre a Brais, titular no filial. Dalama, o suplente habitual de Suso, apenas xogou na Copa diante do Pabellón. Despois de ter solucionado certas lagoas de concentración e alcanzar un nivel físico que permite ao equipo manter unha intensidade alta durante os noventa minutos, o técnico anda á procura de solucións para os problemas nas dúas áreas.

O Antela é o segundo conxunto da Liga que máis encaixa: 16 goles en 7 partidos, unha media de 2,2. É unha cifra preocupante. Mais con matices, na Moreira recibiu 5 tantos e anotou 6. E como visitante recibiu 8 (a metade do total) nas dúas goleadas que sufriu en Ribadumia e Atios. 

Na defensa, Breixo, Quintairos e Teixeira mantivéronse nos tres últimos partidos. No lateral dereito, despois de dúas xornadas con Juáncar, Sabucedo decidiu probar con Adrián. Polo momento, o adestrador prefire utilizar a Romero como extremo. Esa é a banda que parece máis vulnerábel. 

O outro foco está sobre a dianteira. Romero foi até o momento o atacante que ofreceu máis solucións (e goles), Joni é unha aposta segura a longo prazo. E Carlos, desde o banco, vai recuperando fútbol e gol. A disxuntiva está no nove. Borja recuperou a titularidade trala enfermidade de Tumbeiro, que apenas puido estrearse. E Guede acaba de chegar. 

Na convocatoria para mañá están os tres. Son baixa Juáncar (lesionado) e Xosé (por sanción), ademais de Suso. A lista complétase con Baris e Dalama (porteiros), Romero, Adrián, Breixo, Quintairos, Teixeira, Tazos, Noel, Fabio, Xabi Lamas, Pedro, Peral, Joni e Carlos.

En calquera caso, os problemas ofensivos parecen agora menos severos. No centro do campo, Sabucedo mantén unha aposta ofensiva con Pedro e Peral, que xera xogo e ofrece traballo. O Antela é máis vertical. E, polo momento, non ten urxencias. A tranquilidade, e A Moreira, son as bazas dun equipo que xa empeza a coñecer os camiños que transitará na Preferente. 

Na casa, con máis afluencia de público se non chove, de novo a unha hora habitual (tras dúas citas de mañá), cun campo que esixe fútbol e traballo sacrificado e un rival dun calibre similar aos sete anteriores, o Antela sabe o que se xoga e como xogar. A Moreira vale máis de media Liga.

O rival, o Club Deportivo Valladares, é unha entidade que o ano próximo será centenaria e un clásico da Preferente (desde o seu último ascenso no 2012, leva 11 tempadas na división). Comezou a tempada medíndose na casa a dous dos ascendidos, e soubo gañar ao Moraña (2-1) mais cedeu un empate co Castrelos (2-2). Perdeu nas dúas primeiras saídas. Pero vén de enganchar unha racha de dúas vitorias (na casa, diante do Ribadumia e do Céltiga) e un empate co Areas na súa última saída.  

FÚTBOL A LIMIA | Na Moreira, con tres 9 e sen Suso