venres 20/05/22

O Antela acabou o partido en Maside agonizando, cosido con xuvenís, abafado pola calor. Acabou sufrindo, como sufriu durante toda esta segunda fase contra equipos dor de moas. O Maside foino, pero dun xeito distinto aos anteriores. Venceuno tamén o Antela (0-2), con goles de Borja, que non marcaba desde o partido diante do Cartelle. O triunfo daba dereito a manter as opcións de ascenso até a última xornada. Unha hora despois, o empate entre o A Peroxa e o Allariz colocaba aos limiaos nunha posición de privilexio: dependen só de si propios. Se gañan ao Sporting Carballiño na Moreira, arrancarán a próxima tempada en setembro en Preferente.

O Maside foi unha tortura na segunda metade. O Antela errou ocasións claras como de costume, e viviu ao fío, mais desta volta tiña dous goles de vantaxe. Foi suficiente con Suso e a defensa mantendo un bo ton. O Maside, que xogou andando, tocando, ameazando, non acabou de concretar. 

Nun día de moita calor, cun campo grande, seco, sen sequera unha pequena brisa, Sabucedo supliu as baixas de Sergi e Tazos con Pedro e Juan Forri. Mais Pedro arrastra unha lesión e volveuse notar. A banda esquerda, con Peque moi esixido como nos últimos partidos, apenas xerou fútbol. Por riba, Xabi Lamas recibiu unha patada nos primeiros minutos e xa non se recuperou. Acabou substituído antes do descanso.

Sabucedo foi recosendo o equipo co que tiña. E así aguantou o resto da primeira metade e toda a segunda, con descansos para o refresco incluídos. 

Nunha tarde sahariana, o Antela gañou porque marcou dous goles moi cedo e despois foise apagando, cansando, perdendo velocidade, precisión e o balón. 

Borja sorprendeu o porteiro cun balón ao pau longo, un disparo duro no saque dunha falta no límite da área no terceiro minuto de xogo. Ao cuarto de hora, Joni perseguiu ao porteiro, roubou a pelota e Borja só tivo que colocala dentro a porta baleira. Do Maside non houbo noticias até o descanso do minuto 25 para o refrixerio.

Á media hora, Xabi Lamas pediu o cambio. O Antela foise atrás. Álex Bardelas empezou a xogar con espazos. O Maside, como xa fixera na Moreira, buscou o gol a través dun fútbol elaborado. Mais pouco profundo. Breixo e Quintairos bastáronse.

Afeccionadas do Antela celebran o primeiro gol do partido hoxe no campo de Outeiro Grande
Afeccionadas do Antela celebran o primeiro gol hoxe no campo de Outeiro Grande.

Na segunda metade, con Pedro moi limitado. Sen Xabi, e coas bandas abandonadas, o Antela veuse aínda máis atrás. Sabucedo reaccionou dando entrada a Carballo e Carrasco por Pedro e Pancho. Despois caeu Juan Forri e entrou Pisto. O Antela ía remendando o once mentres perdía terreo e forzas. Germain supliu a Borja, esgotado. 


Durante uns minutos pareceu que o Maside podía marcar. Tivo as súas opcións. O Antela, á contra, desperdiciou tamén unhas cantas. E incorreu reiteradamente en fóra de xogo. Demasiada calor. Tanta que até a afección branquinegra, uns cen seareiros que viaxaron en dous buses e vehículos particulares, tamén aplatanou na grada. 

Xa nos buses de regreso, coñeceuse o resultado na Peroxa: empate. Tamén empatou o Celanova. A situación aclarouse para o Antela. É líder con 1 punto de vantaxe sobre o Allariz, 2 sobre o A Peroxa, e 3 sobre o Celanova. Non depende de ninguén. Foi o mellor equipo desta segunda fase. Merece o ascenso. Pero terá que seguir sufríndoo no campo, contra equipos dor de moas, o Carballiño é o seguinte. 

FICHA TÉCNICA

MASIDE: Óscar, Mario (Barbosa, 80’), Naym, Juan (Martín, 57’), Aitor (Esteban, 63’), Álex Bardelas, Fernando, Manu Bardelas, Eder, Pájaro e Rivera. 

ANTELA: Suso, Peque, Breixo, Quintairos, Juan (Pisto, 85'), Pablo Forri, Xabi Lamas (David Lamas, 32'), Pedro (Carballo, 61'), Pancho (Carrasco, 69'), Borja (Germain, 87') e Joni.

GOLES: 0-1, Borja (3'). 0-2, Borja (15')

ÁRBITRO: Brais Rodríguez García. Auxiliado por Gómez Míguez e Ferreira Oliveira. Amonestou a Naym (13') polos locais. E a Juan Forri (40') e Breixo (83') polos visitantes. No descando, expulsou aos adestradores locais, Brais Novoa e José Manuel Rodríguez. E co partido rematado, a Manu Bardelas.

ESTADIO: Outeiro Grande, Maside. Uns 200 espectadores.

RESULTADOS

Sp. Carballiño, 3; Barbadás B, 5.
At. Vilariño, 2; Celanova, 2.
A Peroxa, 1; Allariz, 2.
Maside, 0; Antela, 2.

CLASIFICACIÓN

1.º Antela, 18 puntos.
2.º Allariz, 17.
3.º A Peroxa, 16.
4.º Celanova, 15.
5.º Maside, 10.
6.º Barbadás B, 10. 
7.º Vilariño, 9.
8.º Carballiño, 4.
 

FÚTBOL A LIMIA | O Antela xa non depende de ninguén
comentarios