Juan Guede (Caracas, Venezuela, 1997) debutou o domingo pasado no Antela. Formado nas canteira do Pabellón, en Ourense, onde alcanzou a División de Honra xuvenil e despois marchou para Valencia a traballar nun negocio familiar e alí estreouse en Preferente, no Denia. Guede entrou na convocatoria para o partido que o Antela xoga esta tarde (17:00 horas) no Porriño contra o Atios, correspondente á sétima xornada de Liga.
Como se define como futbolista?
Son un nove puro. Pelexo, vou ben de cabeza e teño habilidade coas dúas pernas. Mais tamén podo caer a banda. Teño xogado en banda porque malia estatura [mide 1,88 metros] penso que posúo velocidade.
Que lle pediu Óscar Sabucedo?
Pois a verdade é que apenas puidemos falar cara a cara. A semana anterior foi todo moi rápido. Fichei, fun convocado e debutei. Supoño que o que se me pedirá é gol. Creo que me coñecen ben. Mesmo o ano pasado xoguei uns minutos co Allariz contra o Antela.
É certo que xa estaba na axenda do Antela este pasado verán?
Si. Tivemos contacto. O que aconteceu é que, naquela altura, eu aínda non estaba seguro de poder compaxinar o fútbol co traballo. Decidín seguir no Allariz, pero na miña cabeza sempre estivo volver a Preferente en canto fose posíbel.
O acordo foi rápido?
Si. Traballo de cociñeiro nun restaurante en Ourense. Organiceime e podo compaxinar o traballo co fútbol. Acordamos que adestre os martes e os mércores co primeiro equipo.
Coñece a categoría, que opina da competencia para esta tempada?
Aínda non podo falar de outros equipos porque acabo de chegar. Pero polo que vexo, esta vai ser unha Liga moi igualada. Eu xoguei no Velle o ano que gañamos a Copa e salvamos a categoría. Xoguei un pouco no Verín, xusto antes de volver marchar para completar a miña formación como cociñeiro en Barcelona.
Como foi o seu debut?
Xa digo: cheguei e xoguei. Non coñecía á maioría dos xogadores nin como se desenvolven no campo. No vestiario podo dicir que o que topei é algo parecido a unha familia e cun adestrador que fai respectar todas as normas. Con Noel e Fabio coincidira antes.
Que lle parece a forma de xogar de Óscar Sabucedo?
Pois gústame a súa seriedade, como leva os adestramentos e os partidos e como corrixe. A tempada anterior, no Allariz, estabamos competindo co Antela polo ascenso. E vin como remataron a Liga.
Que espera do partido desta tarde no Porriño?
Supoño que choverá. Espero que compitamos. Aposto por unha vitoria.
A CONVOCATORIA
Despois do regreso de Tumbeiro aos adestramentos esta semana, Sabucedo decidiu ser prudente e prescindiu do dianteiro, aínda en fase de recuperación, para esta xornada. Tamén enviou a Anxo, outro futbolista que vén dunha lesión, ao filial, co que disputou medio partido onte. Na lista para o encontro fronte ao Atios segue Adrián, que Sabucedo utiliza como lateral. A convocatoria está formada por Suso, Dalama (porteiros), Juáncar, Breixo, Quintairos, Teixeira, Tazos, Adrián (defensas), Noel, Fabio, Peral, Pedro, Xabi Lamas (mediocampistas), Carlos, Joni, Borja, Romero e Guede (dianteiros).
Como local, o Atios empezou a Liga cun empate diante do Portonovo (1-1); cedeu na terceira xornada contra o Pontevedra B (1-2) e gañou na quinta ao Cultural Areas (3-1). Suma 8 puntos, un menos que o Antela. Vén de empatar a xornada anterior na Illa co Céltiga (1-1). Para o Antela será o cuarto partido fóra, e o terceiro nun campo de herba artificial. Alén da superficie, o partido estará condicionado pola chuvia. En Atios, a 41 metros a nivel do mar, leva chovendo desde a madrugada e para a hora do partido as probabilidades de chuvia son do 80% segundo MeteoGalicia.