jueves. 25.04.2024

O Antela é un tobogán. Un día, ben; dous mal. O Pabellón deulle unha couce e botouno fóra da Copa. O equipo de Óscar Sabucedo non tivo xerarquía. Nin a tiveron os veteranos, que hai cinco meses gobernaban os partidos con suficiencia diante de equipos como o Pabellón, nin os máis novos. Na Copa, unha mala tarde equivale á eliminación. 


O Antela está en fase crisálida. Normal nun cambio de categoría. Mais no camiño está perdendo confianza. A derrota ten pouco significado. Non debería ter consecuencias. O obxectivo da tempada é un, e segue á vista. 


Iso si, o partido en Ourense é un aviso. Hai déficits nas dúas áreas. O Antela empezou dándolle facilidades ao rival e apañou un gol pasados os cinco minutos (anotou Carlos, un rapaz de Xinzo). O resto foi unha historia de resistencia dos locais e un bater contra o muro das propias limitacións. Aos quince minutos, o medio campo limiao asentou. Adrián e Xabi colleron o sitio; Peque e Teixeira empezaron a apertar polas bandas; Peral apareceu para sinalar a vertical. 


O Antela pechou todos os camiños ao Pabellón, e agarrado a Peral e a Carlos (e co empuxe de Teixeira) deu en pisar área e rematar con continuidade. Tivo insistencia e constancia, mais tan só acertou cun pau nun rebumbio dentro da área. 

Pabellón_Antela. COPA. Fotos Noelia Caseiro (1)
Teixeira, que xogou no lateral esquerdo, perfílase para o remate coa dereita.


A superioridade visitante non serviu para igualar a eliminatoria antes do descanso. Mesmo o Pabellón deu a sensación de chegar moi xusto de forzas ao intermedio. Así que Sabucedo esperou uns minutos para mover o cesto. Fíxoo aos dez minutos da segunda parte. Entraron Joni e Romero por David Lamas e Peque. Adrián pasou ao lateral e Carlos deixou a banda a Romero pola dereita. O equipo tardou en ordenarse e o Pabellón tivo tempo a respirar. 


Despois entrou Pedro no lugar de Borja. Sabucedo atacou con todo. A balón parado o Antela complicou a vida a Julián (ex meta branquinegro). Pero nin así. Foi unha desas tardes... Nun deses momentos de metamorfose, convulsos. A Preferente non espera por ninguén. É un chanzo que o Antela ten que subir antes de que lle saian os dentes.


Nos Remedios debutou Dalama, o suplente de Suso. E tamén se estreou Peral. Fáltalle ritmo, mais parece claro que o 14 (o número de Cruyff) amplía as posibilidades do equipo: tirou desmarques, filtrou pases, rompeu liñas e traballa en defensa. 

Pabellón_Antela. COPA. Fotos Noelia Caseiro (2)
Carlos, co balón, foi o mellor atacante do Antela.

A mellor noticia da Copa é que o Antela vai cubrindo etapas, e as novas xerarquías van aparecendo. O equipo está en fase crisálida. Nun pestanexo será adulto. Terá que selo. 

FICHA TÉCNICA.


SARREAUS, SEGUE; PIÑEIRA E VILAR DE BARRIO, CAEN
O Sarreaus será o único representante limiao na seguinte rolda da Copa. Gañou ao Pontedeva (4-1). O Piñeira Seca e o Vilar de Barrio, fortes na Liga, caeron na Copa. O Piñeira, sen opcións, diante do Sporting Carballiño (0-3); e o Vilar de Barrio, con sorpresa, na casa e diante do A Bola (1-2).

FÚTBOL A LIMIA | Fase crisálida: o Antela fóra da Copa