sábado. 20.04.2024

“Eu ía un pouco a xogar, e a verdade é que o pasamos ben. Algún dos meus compañeiros tivo nervios; eu non”, explica Miriam Opazo, unha das organizadoras das Olimpiadas Rurais que se celebran este sábado en Xinzo de Limia, nunha xornada deportiva que comezará de mañá e rematará nunha foliada xa noite. Miriam Opazo acaba de regresar de Ordes, onde se realiza en directo o programa da TVG “Quen anda aí?” un magacine que se fixou na noticia da recuperación das Olimpiadas Rurais (avanzada polo Diario do Limia). 


Miriam e catro compañeiros máis da organización, xente vinculada ao deporte e ao asociacionismo na Limia, como Dani Xardón ou Camilo Vila, mostraron este xoves algún dos xogos que se xogarán o sábado. O que chamou a atención dos produtores do programa foi o lanzamento de pataca. Ao principio, os organizadores pensaron nun lanzamento vertical (cara arriba), mais caeron na conta das dificultades, tanto de recuperar a peza enteira como da precisión das medicións. 

Miriam Opazo. Colectivo RAS. Olimpiadas Rurais. Galiza Nova
Miriam Opazo, este xoves en Xinzo de Limia, antes de viaxar até Ordes para a emisión do programa da TVG.

Así que o comité técnico ligou a idea cun xogo que, aseguran, se dá durante a colleita: intercambiar unha pataca entre dous canistrelos (cestos pequenos). As regras do lanzamento quedaron fixadas así: unha parella intercambiará unha pataca lanzándoa e recolléndoa cada un co seu caniestrelo, retrocedendo entre cada lanzamento a distancia dunha vara mentres a pataca non caia ao chan. Cando caia, mediranse as varas retrocedidas e ese será o resultado.


“Aínda non sabemos en que parte do programa incluiremos o lanzamento de pataca”, confesa Miriam. As probas de lanzamentos de sacho e de penedo, que xa se disputaron na anterior edición, están previstas para o mediodía, como os birlos celtas, outro dos xogos que levaron á TVG esta tarde de xoves. Os birlos, os lanzamentos, as carreiras (de sacos, á carreta, ás cabaliñas), a loita celta e o turra-sedeño ou turra-soga son parte dun programa que inclúe xogos máis difundidos como a billarda e o brilé. 

Modalidades deportivas nas Olimpiadas de hai dez anos. Lanzamento de sacho. Loita galega. Carreira de sacos (1) (FILEminimizer)
Modalidades deportivas nas Olimpiadas celebradas na Moreira hai dez anos: lanzamento de sacho. | FOTOS: Colectivo Ras.

Os birlos, os lanzamentos, as carreiras (de sacos, á carreta, ás cabaliñas), a loita celta e o turra-sedeño ou turra-soga son parte dun programa que inclúe xogos máis difundidos como a billarda e o brilé. 

Modalidades deportivas nas Olimpiadas de hai dez anos. Lanzamento de sacho. Loita galega. Carreira de sacos (3) (FILEminimizer)
Modalidades de carreira de sacos.


As inscrición seguen abertas no CIX da Limia e no Instagram do Colectivo Ras (@ras_xinzo) que agrupa aos organizadores. Despois do programa na TVG recibiron unha nova solicitude de inscrición dun equipo de Rairiz de Veiga. “Xa temos nove equipos, cunha media de dez xogadoras e xogadores por equipo; así que chegaremos aos cen participantes, que é a cifra que nos propuxemos”, di Miriam, quen recoñece que  “non somos todos xente do deporte, pero si nos xuntamos coa idea de facer comunidade, de axudar a dinamizar o rural, e por iso estas son unhas Olimpiadas da Limia, e hai equipos de diferentes concellos”. 


Polo momento, o reclamo do lanzamento de pataca resultou. A TVG fixouse nas Olimpiadas. “Estamos recibindo moitas mensaxes. Todo axuda. E se a xente non se anima a facer un equipo, polo menos que se anime a asistir ao evento”, pide Miriam. Os organizadores instalarán mañá no Toural sinalización e distintos elementos para o desenvolvemento dos xogas e o sábado, ás 10:00 horas, comezará a festa coa recepción dos equipos participantes.

Olimpiadas xogos rurais 2022 (1) (FILEminimizer)
O programa (a falta da inclusión do lanzamento de pataca).

NOTICIAS XINZO | As Olimpiadas Rurais pasan pola TVG e suman un cento de inscritas