“Nunca tiveramos problemas de abastecemento nos núcleos da montaña”, di a alcaldesa

NOTICIAS A LIMIA | Dous novos pozos e camións cisterna palian a falta de auga en Porqueira

Operarios traballando esta semana coa cisterna no depósito de San Lourenzo.

En Porqueira, con algo máis de 800 habitantes e 30 núcleos de poboación, a maioría situados ao pé da serra, a auga é abundante e case nunca faltou nos veráns máis severos. Son comunidades de usuarios, os propios veciños, as que xestionan o recurso. Encárganse, entre outras cousas, de manter limpos os mananciais e as canalizacións. 


Mais a seca fixo saltar a alarma este verán. Na aldea de San Mamede quedaron sen auga (a comunidade decidiu cortala) unha fin de semana. “Nunca tiveramos problemas de abastecemento nos núcleos da montaña”, di a alcaldesa, Susana Vázquez (PP). “En 19 anos que levo na alcaldía, en San Mamede, Nocelo e Soutelo nunca faltou a auga”.


Este ano, o Concello de Porqueira advertiu pronto o que se viña enriba. En febreiro lanzou un bando apelando á responsabilidade da veciñanza no uso da auga. En xuño, emitiu un segundo bando. En xullo Vázquez recorreu á Deputación Provincial para completar o financiamento dun novo pozo, en Sabucedo, ao pé da serra, que dese solución aos problemas nos núcleos da chaira, como Filgueira e Toxal. E para solucionar a escaseza en San Mamede, utilizou camións cisterna para encher o depósito.


A terceira semana de xullo o pozo de Sabucedo estaba rematado e abriuse outro en San Mamede. Hai outros núcleos en dificultades, como Faramiña, Faramontaos e, o último, San Lourenzo. San Lourenzo, cuns 120 veciños e veciñas, é unha das aldeas máis poboadas do concello. “Xa non podemos utilizar máis recursos para facer pozos. Aquí estamos paliando a falta de auga con camións cisterna. Non é a solución ideal, pero é o que podemos facer este mes de agosto. Cando chegue o outono veremos que medidas adoptar”, explica a alcaldesa.


Susana Vázquez tivo que pasar dos bandos ás obras. Sabía que en agosto as dificultades aumentarán  (“a poboación duplícase en moitos núcleos, mesmo se triplica nalgúns”), mais xa non é dabondo con apelar á responsabilidade da veciñanza. O recurso escasea. A auga converteuse nun problema onde nunca o foi. 

Arqueta do novo pozo próximo ao depósito de Sabucedo. 
Novo pozo xunto ao depósito de San Mamede

A poboación duplícase en moitos núcleos no verán. Mais xa non é dabondo con apelar á responsabilidade da veciñanza. O recurso escasea. A auga converteuse nun problema onde nunca o foi.

Para as tarefas agrícolas, a alcaldesa lembra que as pozas do regadío están limpas e en disposición de facilitar a auga e pide que non se utilicen outros métodos.